24 de xuño de 2021

DESPEDIDA!

Xa remata o curso 2020-2021, no que tivemos que sorrir cos ollos, estar distanciados e non poder dar apertas. Oxalá pronto podamos ler xuntos, compartir lecturas, que volvan as mochilas viaxeiras...

Aplaudir o esforzo e a colaboración de toda a comunidade educativa e desexarvos unhas FELICES VACACIÓNS DE VERÁN!

Unha aperta moi especial aos nenos e nenas de 6º curso que se despiden do centro e desexarlles  moita sorte na súa nova andaina.

 
FELIZ VERÁN A TODAS E TODOS!


21 de xuño de 2021

RECOMENDACIÓNS DE LECTURA VERÁN 2021

Xa está aquí o verán, as vacacións e desde a Biblioteca desexámosvos unhas Felices Lecturas gozando da natureza que nos rodea.

Visita as librarías do noso pobo e as bibliotecas públicas.


FELICES VACACIÓNS!

20 de xuño de 2021

MINUTOS MUSICAIS!!

Despedimos as audicións musicais, ata a volta das vacacións, con música de VERDI e o "Brindis" de A Traviata, unha das súas máis famosas óperas.

Brindis que dedicamos a todos e todas vós: alumnado, profesorado, familias e persoal non docente por sobrevivir a un curso no que tivemos que aprender a sorrir cos ollos, a estar distanciados, a non poder abrazarnos, a non poder  xogar xuntos... máis aínda así mantivemos a alegría, a ilusión e a esperanza.


                       OS MELLORES DESEXOS PARA ESTE VERÁN!!

                                           

18 de xuño de 2021

KAMISHIBAI: "RA DE TRES OLLOS"

Para rematar este curso tan particular e anómalo, cheo de medos, preocupacións, tristeza, máscaras, patios divididos, xel hixienizante, lavado de mans, distancia social pero tamén de xogos, alegría, sorrisos, amizade, lecturas, roteiros, hotel de bichos, zona verde... hoxe gozamos, na entrada do centro, dun CONTACONTOS moi especial cun KAMISHIBAI.

Un Kamishibai é unha forma moi popular en Xapón de contar historias. Xurdiu no século XII, nos templos budistas e renaceu na década de 1930 debido á depresión económica, xa que contaban historias na rúa e así gañaban uns cartos extra.

O alumnado de 5º de Primaria, empregando un Kamishibai narrounos a historia de "RA DE TRES OLLOS" escrito e ilustrado por Olga de Dios.


Ra de Tres Ollos medra nun lugar contaminado e quere cambiar as cousas. Pero para eso necesita  axuda. 

TI... a que esperas para facelo?

“Este conto está dedicado a todas as persoas que cada día traballan para defender o  noso planeta.” Desta maneira empeza este fermosísimo álbum ilustrado.

Moitas grazas nenas e nenos de 5º, sodes uns grandes contadores e contadoras de historias!

Esperámosvos como voluntarias e voluntarios para o próximo curso!




17 de xuño de 2021

DIPLOMA RECREOS RESIDUOS CERO 2020-2021

Recibimos o Diploma do Ministerio de Educación e Formación Profesional que recoñece a participación no Programa Recreos Residuos Cero 2020-2021, organizado polo colectivo Teachers For Future Spain, contribuíndo á redución de residuos e a loita contra o cambio climático.

O noso alumnado participa activamente no blog: https://montemogos.blogspot.com/ promovendo accións para concienciar sobre o coidado do medio ambiente.



16 de xuño de 2021

PACO NOGUEIRAS E MARC TAEGER

Estes días de calor e final de curso estamos a gozar co concerto de PACO NOGUEIRAS e as ilustracións de MARC TAEGER do seu libro disco EXTRA! por xentileza da Editorial Kalandraka.

FOI MOI DIVERTIDO PARTICIPAR NUN CONCERTO VIRTUAL!

15 de xuño de 2021

FIADEIRO 2020-2021

Xa está aquí, un ano máis, o noso xornal escolar FIADEIRO! 

Entra nos códigos QR.

Goza coa súa lectura! Todas e todos formamos parte do FIADEIRO!

A entrevista, un xénero xornalístico premiado polo Faro da Escola

A aula de 1° de Primaria, baixo a coordinación da súa titora, participou no Faro da Escola coa entrevista ao veciño de Bueu, Adrián Ferrer Reboiras, quen os informou polo miúdo das súas vivencias na Illa de Ons e das dos seus devanceiros. 

Esta entrevista tan interesante resultou merecedora do 2° premio do Faro de Vigo, o que supuxo unha gran alegría para todo o alumnado e o profesorado do colexio.


                                                     PARABÉNS!!!

13 de xuño de 2021

MINUTOS MUSICAIS!

 Nesta semana que antecede á entrada do verán e se amosa tormentosa, escoitaremos o terceiro movemento pertencente á obra programática "O verán" de Antonio Vivaldi.

Neste terceiro movemento, Vivaldi describe musicalmente o tempo tormentoso desta época do ano.


Neste segundo vídeo podedes escoitar a música de Vivaldi a través dun fragmento da película "Fantasía" de Disney.



        BOA SEMANA!!!

11 de xuño de 2021

CONTOS CANTADOS: "VEO VEO"

As nenas e nenos de 6º de Infantil interpretan o conto VEO VEO, editado por Kalandraka e escrito e ilustrado por Antonio Rubio e Óscar Villán. 

Non perdades detalle, xogamos?

 

PARABÉNS!

MOI BEN CANTADO

6 de xuño de 2021

MINUTOS MUSICAIS!

Nesta semana na que vimos de celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño) e se celebra o Día Mundial dos Océanos (8 de xuño), propoñemos a escoita da canción "O VELEIRO VERDE" do grupo María FumaÇa.

 Unha canción que nos invita a coidar do  planeta!!


BOA SEMANA!!!


PRÉSTAMO DE VERÁN!

Xa están próximas as vacacións de verán para gozar do tempo libre, da familia, dos libros, da praia, do monte, da natureza...

Recorda que esta semana, entre o luns 7 e o venres 11 , teremos que devolver os diferentes materiais que teñamos prestados.

E... do luns 14 ao venres 18 poderás facer o esperado e desexado 

PRÉSTAMO DE VERÁN 2021!

As familias poden realizar o seu pedido para préstamo a través do correo:  prestamobibliomontemogos@gmail.com 

BELUSIÑA ESTÁ ESPERÁNDOTE,

ANÍMATE!

NO VERÁN, UN LIBRO NA MAN!

Praia de Pedrón


5 de xuño de 2021

5 de xuño: DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

 REIMAXINA, RECREA, RESTAURA!

Cada tres segundos, o mundo perde unha superficie de bosque equivalente a un campo de fútbol.

Restaurar os ecosistemas significa previr, deter e revertir: pasar de explotar a Natureza a curala. 

Só con ecosistemas saudables podemos mellorar o medio de vida das persoas, contrarrestar o cambio climático e deter o colapso da biodiversidade.

Hoxe lánzase o "DECENIO DAS NACIÓNS UNIDAS SOBRE A RESTAURACIÓN DOS ECOSISTEMAS" (2021-2030) coa edición do "Manual de restauración dos ecosistemas, unha guía práctica para sanar ó planeta".

Proporciona pautas prácticas para restaurar oito tipos de ecosistemas: bosques, terras de cultivo, pastizales e sabanas, ríos e lagos, océanos e costas, turberas e montañas.

E ti, que podes facer para ser da xeración reimaxina?

COIDA O PLANETA,

 É A CASA COMÚN DE TODAS E TODOS!



https://unenvironment.widen.net/s/fbjbmplrnb/ecosystem-restoration-playbook-spanishv3

Escoita este poema de Jordan Sanchez:




3 de xuño de 2021

3 de xuño: DÍA MUNDIAL DA BICICLETA


https://youtu.be/YcTMWUA_g5Q

O Día Mundial da Bicicleta, celébrase desde 2018 grazas a un decreto da ONU.

É un medio de transporte sostible moi importante porque cando usas a túa bici, ademais de divertirte e manterte en forma... COIDAS O PLANETA!

A bicicleta foi o resultado dunha serie de intentos fallidos para inventar un vehículo innovador a mediados do século XIX. Existen moitos tipos de bicis: de montaña, híbridas, de ruta, urbanas. As competicións de ciclismo máis importantes son: Giro de Italia, Tour de Francia, A volta a España.

ANÍMATE e celebra este día usando a túa bicicleta!

Escoita a adaptación radiofónica da obra de teatro "Las bicicletas son para el verano" de Fernando Fernán Gómez na Cadena Ser

https://www.ivoox.com/bicicletas-son-para-verano-audios-mp3_rf_739286_1.html






 

1 de xuño de 2021

CONTOS CANTADOS: "Violín"

Os nenos e nenas de 5º de Infantil fixeron  unha versión  cantanda do conto  da editorial Kalandraka "Violín", escoitade o ben que o fan: 

 
PARABÉNS!!!

TARANDEIRA. LETRAS GALEGAS 2021

O valor das palabras, palabras cheas de vida, palabras que son apertas, palabras que son sorrisos, palabras cheas de música, palabras de POESÍA, palabras para XELA.

Na baixada están as nosas nunha tarandeira...