28 de mar. de 2023

Creamos con... Josuha Xanbreo

O venres 24 de marzo, gozamos dunha actividade de escritura creativa na Biblioteca, con Josuha Xanbreo.

Creamos personaxes e inventamos a nosa propia historia en banda deseñada.

Foi unha actividade moi divertida!




 

Moitas grazas Josuha por acompañarnos nunha actividade que nos gusta moito: "Creamos con... "


27 de mar. de 2023

Arte floral!

A ANPA Cabo Udra, coa colaboración do Colectivo Independente de Alfombristas de Bueu, elaborou na entrada do centro unha alfombra floral  para promover a paz no mundo. Empregaron elementos vexetais, cunchas...

Esta actividade forma parte de Flowers of Peace, iniciativa internacional promovida pola Asociación Nacional das Infiorate Artísticas, Infioritalia, en colaboración coa Asociación Nacional Ciudad de la Infiorata (Italia).

O proxecto nace dunha idea de Eduardo Carbone, experto mundial en alfombrismo, e consiste na elaboración dun tapiz. O boceto, común a todos os colectivos que se unan a iniciativa, é  co símbolo da paz e unhas dimensións mínimas de 1m x 1m que poderá ser personalizado insertando o nome do pobo que o realizou.


 Parabéns por participar nesta iniciativa artística e solidaria!

26 de mar. de 2023

Minutos musicais!

 Esta semana escoitaremos o 1º movemento de "A Primavera", un concerto para violín e orquestra composto polo músico italiano Antonio Vivaldi (Venecia, 1678- Viena, 1741)que forma parte da súa obra máis coñecida "As catro estacións". Vivaldi,  a través da música, expresa o paso das estacións do ano.

Feliz semana!

24 de mar. de 2023

Contacontos con Charo Pita!


Todas as familias estades convidadas! Contacontos para papás, mamás, avoas, avós, tíos.... para todas e todos! Esperámosvos!

22 de mar. de 2023

Camiños de Poesía 2023!

Para conmemorar o Día de Rosalía de Castro, 23 de febreiro,  cada titoría elixiu un poema que ilustrou colaborativamente. O fío condutor foron as herbas, as flores, as plantas... que aparecen nos poemas. 

Un ano máis creamos Camiños de Poesía:

 

21 de marzo, Día da Poesía, as alumnas e alumnos voluntarios lectores de 6º de Primaria sairon a colocar Camiños de Poesía.




Sempre Rosalía!

Mil primaveras máis para a Poesía!


21 de marzo: Día da Poesía

Un verso... un aloumiño.

Dous versos... dous aloumiños.

Moitos versos... moitos aloumiños.

Con estos versos de Antonio García Teijeiro queremos invitarvos a ler poesía, a prestar os libros da exposición arredor da Poesía.

Buscamos palabras, relacionamos, creamos rimas, escribimos poemas desde os máis cativos ata os maiores do centro.














Parabéns polos traballos tan ben feitos!

21 de mar. de 2023

Visita de Ledicia Costas!

 Hoxe estivo compartindo o seu amor polas historias unha escritora moi querida no noso centro Ledicia Costas, por xentileza de Faro da Escola.

O alumnado de 3º e 4º de Primaria mantiveron un encontro coa autora das aventuras de "Os Minimortos", colección que goza de grande éxito na nosa biblioteca.



Mil grazas Ledicia por compartir o teu tempo con nós! 

Sempre é un pracer conversar contigo!

19 de mar. de 2023

Minutos musicais!

Espéranos unha intensa semana chea de actividades; luns inicio da primavera,  martes  Día da Poesía, Día das Árbores, dos Bosques, Día da Síndrome de Down, visita de Ledicia Costas.....

E para empezar con moita enerxía imos escoitar, durante o tempo de entrada, esta preciosa canción do grupo británico The Beatles titulada "Here comes The Sun"(1969).

The Beatles foi un grupo musical de pop e rock que empezaron a tocar en diferentes pubs da cidade de Liverpool. Iniciaron a súa andaina na decada de 1960 con gran influencia na historia da música pop mundial. Os seus integrantes foron John Lennon, Paul McCartney, George Harrison e Ringo Starr.

Gozade do sol da primavera e da música!

Feliz semana e ... un sorriso!



17 de mar. de 2023

Hoxe conta... Aixa e Clara

Venres de conto na biblioteca!

Hoxe leron Aixa e Clara de 4º de Primaria a historia de "Artur e Clementina" para Infantil.

Gozamos coa súa marabillosa lectura!


 


 

Grazas polas fermosas tartarugas coas que nos agasallastes!

14 de mar. de 2023

Arte con... Belusiña

Víctor de 4º de Primaria debuxou, empregando a técnica do carbón, a Belusiña.

Mirade que bonita quedou!

Ven pola biblioteca a contemplar esta obra de arte!


13 de mar. de 2023

Xogando polo 8M

 As nenas e nenos de 6º de Primaria dos colexios de Torre-Cela e do noso centro participaron dunha xornada de convivencia onde os xogos sen estereotipos de xénero foron o punto de partida xa que o próximo curso compartirán aulas no IES Illa de Ons de Bueu.

Estos xogos foron organizados polo CIM do Concello de Bueu coa colaboración da Asociación Xoán XXIII.

Foi unha xornada moi colaborativa!

8M: Día Internacional da Muller

Os nenos e as nenas de 6º de Primaria realizaron carteis reivindicativos arredor do Día Internacional da Muller para que todo o colexio coñeza e poña en valor o verdadeiro significado de feminismo.

Realizaron unha campaña moi ben deseñada e motivadora implicando a todo o centro.











 



Minutos musicais!

 Esta semana escoitaremos un clásico da música en España: "Ola don Pepito, ola don Xosé".

Esta é unha das moitas cancións icónicas dos Pallasos da tele, compañía artística formada por Gaby, Fofó, Miliki e posteriormente Fofito; Milikito e Rody.  Protagonistas dun exitoso programa de televisión que empezaba coa frase: Como están ustedes?

Divertídevos con esta actualización da canción.


Feliz semana!

12 de mar. de 2023

Semana da Prensa 2023

 Do 6 ao 10 de marzo celebramos a Semana da prensa. 

Estivemos lendo diferentes xornais de tirada local, autonómica e nacional e coñecendo as partes dunha noticia e dun xornal. 

Visita o blog de Infantil para gozar das actividades.



9 de mar. de 2023

Sempre Rosalía!

Todo o alumnado investigou sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro. Lemos poemas da bibliografía seleccionada exposta nos diferentes recunchos.

O alumnado de 6º de Infantil participou na convocatoria da AELG con este precioso mural collage con palabras fermosas sobre unha fermosa camelia, unha das flores favoritas de Rosalía.


#cumpriuseAxustiza

6 de mar. de 2023

5 de mar. de 2023

Minutos musicais!

O mércores 8 de marzo conmemoramos o Día Internacional da Muller, xornada para reivindicar a igualdade entre as persoas.

Porén esta semana escoitaremos "Que non mo neguen" das Tanxugueiras, grupo de pandereteiras formado por Aida Tarrío e as irmás xemelgas Olaia e Sabela Maneiro. Son capaces de reinterpretar os sons tradicionais fusionándoos con ritmos urbanos ou con música electrónica.

A súa enerxía, o seu empoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vocal son os máximos expoñentes do seu estilo, coñecido como trad, que xa as fixo triunfar en escenarios de varios países.

O trío recolle o legado das pandereteiras, mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega.

Para a gravación deste videoclip As Tanxugueiras rodeáronse de "mulleres fortes e libres": Luz Fandiño, poeta; Gloria Leis, a mariscadora máis nova da Cofradía de Pescadores de Muros; Estrella Sánchez, doutora en Endocrinoloxía; Anxos Vaamonde e Sara Espiño, nai e filla e Isabel Neira, a única torneira que exerce a profesión en Galicia.

Sexamos persoas fortes e libres!

Feliz semana da Igualdade!