María Lado, escritora, poeta, dramaturga, tradutora, actriz... visitou a nosa biblioteca para conversar cos nenos e nenas de 3º de Primaria.
Estiveron falando do proceso creativo, da narración, da escritura, das personaxes... de todo un pouco pero sobre todo de CARAMOMIA, "un divertido misterio a oito mans" escrito entre María, Ledicia Costas, Daniel Landesa e O Hematocrítico. Ilustrado por Martín Romero. Publicado en 2023 pola editorial Xerais.
Grazas á editorial Xerais pola súa xentileza ao acercar a María Lado a nosa biblioteca!
Este 23 de abril, Día do Libro, resultou ser un día diferente e moi gratificante.
No club de Lectura de Adultos recibimos á escritora Consuelo Vercher autora de CHARLOTTE, precioso libro con ilustracións de Clara Encinas, traducido por Tamara Andrés, editado por Kalandraka.
Dialogamos arredor dos grandes temas do libro, da aporofobia, da resilencia, do silencio, da importancia de escribir, de crer en nós mesmas, de continuar pola carretera da vida...
Nesta Semana da Muller, o martes 5 de marzo, visitou a nosa biblioteca Paula Carballeira Cabana, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023.
Un gratificante encontro con nenos e nenas de varios cursos e con invitación á comunidade escolar.
Lemos unha pequena selección dos seus libros, por exemplo: "A pantasma de Cortegada", "Mateo", "Paco", "Somos os monstros", "Pan con chocolate"... No club de lectura de adultos tamén lemos "As alumnas".
A través da narración oral comentamos diferentes emocións, falamos do medo, da Santa Compaña, das bruxas, das curuxas, dos morcegos... dos contos de medo.
Todos os contos tiveron a súa conclusión e unha xeral que As persoas teñen todo o noso respecto.
Vouche contar un conto... contou, contou contou!! Gozamos, gozamos, gozamos!!
Grazas Paula por compartir con nós as túas historias!
No club de lectura de 6º de Primaria, Os Belulectores, recibimos a visita de Andrea Maceiras, autora do libro Alma de Elefante, por xentileza da editorial Xerais.
Con ela viaxamos polo sueste asiático e descubrimos que hai moitas maneiras de viaxar lendo, escribindo, debuxando...
Dialogamos arredor do seu libro, de que hai cousas pequenas que son fortes e cousas grandes que son delicadas, de que todas e todos temos o noso lugar no mundo.
E ti... De que animal tes alma?
Grazas Andrea por compartir as túas experiencias con nós!
Intentaremos seguir o teu consello: "Non deixedes de LER"
Esta mañá, por xentileza de Faro da Escola, recibimos a visita do escritor Xavier Estévez na nosa biblioteca para dialogar sobre o seu libro "A memoria dos pingüíns". Tamén comentamos outros títulos seus que nos gustan moito "Avións de papel", "O corazón da maxia".
Respondeu a todas as nosas preguntas arredor do libro, do seu proceso creativo.
Comentounos que se basea en situacións reais, que incluso algúns dos seus personaxes existen na realidade. "Resultou ser unha charla motivadora para a vida".
Animounos a subir na escaleira das lecturas para entender o mundo e coñecernos mellor.
Esta mañá (Infantil, 1º, 2º e 3º de Primaria) escoitamos dúas fermosas historias da man de Boniface Ofogo e gozamos da creación artística de Marc Taeger.
Boni Ofogo compartiu o seu novo libro O elefante que perdeu o seu ollo, coa reflexión final de que debemos manter sempre a calma. Ao mesmo tempo, Marc Taeger debuxou o precioso elefante protagonista e explicounos o motivo das cores empregadas.
Tamén escoitamos O león Kandinga, historia que nos fixo pensar do importante que é compartir.
Moitas grazas a Boni, a Marc e a editorial Kalandraka por esta inesquecible sesión de contacontos!
Este xoves, por xentileza da editorial Kalandraka, visita a nosa biblioteca Boni Ofogo.
BonifaceOfogo procede dunha aldea do
interior de Camerún. Estudou Filoloxía Hispánica. Foi mediador
intercultural no Concello de Madrid e, desde 2005, dedícase a percorrer
escolas, bibliotecas e centros sociais relatando historias.
Actuou por toda España (Maratón de Contos de Guadalaxara, Fórum das
Culturas de Barcelona, Festivais de Oralidade de Jaca e Elxe) e
numerosos países: Francia, México, Cuba, Brasil, Costa Rica, Colombia,
Arxentina, Cabo Verde, Marrocos…
É
especialista en fábulas, lendas, mitos e tradicións de África.
Entre os seus contos están África negra, Una vida de cuento, O león Kandinga, que forma parte da tradición oral dos bantú, A paso de Tartaruga, O elefante que perdeu o seu ollo, ilustrado por Marc Taeger...
O venres 26 de maio iniciamos un Roteiro Literario por Beluso da man de Míriam Ferradáns-poeta e exalumna do noso centro- dentro do Programa Lectura e Familias.
Iniciamos o percorrido co obxectivo de ver os lugares, a paisaxe con outros ollos, doutra maneira como se fose algo novo, non rutinario, acompañados pola poesía, pola narrativa... pola LECTURA.
Saímos do colexio cara a Casa do Pobo para observar o mural pintado na fachada por Polo Correo do Vento, onde aparece Maruja Mallo pintando O Caderno de Belusona compaña doutros artistas Johan Carballeira, José Suárez e Federico Ribas.
Neste lugar lemos e escoitamos poemas de Johan Carballeira, a biografía dos personaxes representados. Escoitamos as palabras de Gonzalo Torrente Ballester falando da línea de autobús entre Bueu e Cangas pola costa que describe como unha estrada moi bonita. Soubemos que Carmen Martín Gaite -autora de Caperucita en Manhattan- veraneaba nunha casa en Petís.
Continuamos ata o parque Joe Novas, onde nos sentamos nesa especie de ágora e alí recitamos a Lucía Novas, Ismael Ramos, escoitamos un conto de Bernardino Graña.
As condicións metereolóxicas adversas fixeron que abandonásemos o percorrido por mor da choiva e o vento.
Pero antes conversamos da gran actividade literaria do noso pobo, do trobador Xohán de Cangas e a capela de Sanamedio (último punto do noso roteiro). Míriam coñeceu a Darío Xohán Cabana ao lado da fonte do santo, desde ese momento é un lugar especial.
Rematamos na biblioteca dialogando sobre os beneficios de ler e escribir.
As nenas e nenos de 3º e 4º de Primaria recibiron a visita dunha autora moi querida na nosa biblioteca María Canosa, por xentileza da editorial Xerais.
Durante a Hora de Ler, lemos e comentamos diferentes obras: O día que choveu do revés, A cazadora de estrelas, O ladrón de voces, Unha fábrica de bicos, As pombas de Bastián, Acuario.
Este venres, por xentileza da editorial Xerais, visitou a nosa biblioteca David Rodríguez, autor e ilustrador de SUPERAVOA. Un libro cheo de tenrura e de humor. Unha homenaxe ás avoas!
Rematamos cantando ao compás dun guitalele (tamaño dun ukelele pero con 6 cordas igual ca guitarra).
Grazas por compartir esta fermosa historia con nós!
O venres o alumnado de 6º de Primaria do CEIP P. A Torre-Cela e do CEIP P. Montemogos mantivemos un encontro coa autora Iria Misa, por xentileza da editorial Xerais, na Sala Amalia Domínguez Búa en Bueu.
Durante o 2º trimestre lemos no Club de Lectura o libro "Mamá quero ser Ziggy Stardust" e como actividade final tivemos esta xuntanza.
Conversamos con Iria Misa arredor do proceso creador da novela, da figura e da música de David Bowie, dos amigos imaxinarios, de Aine e do seu amigo Thomas que lle axuda a facer o tránsito social de xénero.
Destacamos a importancia das ilustracións feitas por Alba Barreiro.
Foi unha xornada de convivencia moi positiva.
Esta xuntanza forma parte das actividades de tránsito do alumnado de Primaria á ESO, organizada en colaboración co Departamento de Orientación, xa que os dous centros estamos adscritos ao IES Illa de Ons.
Grazas ao Concello por facilitar este encontro!
Grazas a Iria por compartir con nós o seu tempo arredor da lectura!
Hoxe, por xentileza da editorial Xerais, estivo con nós EVA MEJUTO, xornalista, tradutora, escritora. Amante dos libros, das historias ben contadas, das ilustracións que complementan o texto.
Viaxamos e imaxinamos historias con DEZ GATIÑAS VIAXEIRAS.
Coñecemos que é un álbum ilustrado, as partes dun libro con CANDO LEO.
Gozamos dun tempo cos clubs de lectura de 6º para conversar arredor de A LAVANDEIRA DE SAN SIMÓN, dos seus protagonistas, dos lugares, das redes de axuda, da Historia contada a través dos ollos dunha nena e un neno e das mulleres silenciadas e imprescindibles.
MIL GRAZAS POR COMPARTIR TEMPO E LECTURAS CON NÓS!
Esta tarde de maio, na nosa reunión do Club de Lectura de adultos, participamos nun Encontro coa POESÍA, con Míriam Ferradáns para comentar o seu poemario AGOSTO.
Doce poemas en formato "plaquette" editados por Apiario. Unha preciosa e coidada edición!
Gozamos coas fermosas palabras de Míriam. Dialogamos sobre a importancia da poesía, sobre a narrativa poética ou a poesía narrativa, sobre cambiar conciencias...
Camiñamos cara a POESÍA!
O noso máis grande agradecemento por facer que desexemos MÁIS POESÍA!!!
O pasado martes 15 de marzo, gozamos no Club de Lectura de Adultos da compañía da escritora Ana Cabaleiro.
Conversamos arredor da súa novela "Deixádenos remar".
Foi un encontro moi divertido no que houbo momentos para as risas e tamén para falar dos noso espazos de vida, da soidade, do Alzheimer, da dignidade das persoas e do respecto á sabedoría popular. Da necesidade de expresar moitas cousas con poucas palabras.
Mil grazas por compartir o teu tempo e o teu espazo!
Hoxe, da man da Editorial Xerais, o alumnado de 2º e 3º de Primaria tivo un encontro virtual fantástico coa escritora Eva Mejuto con motivo do seu libro "Dez gatiñas viaxeiras".
Ademais da videoconferencia coa autora, á cita non faltaron algunha das súas gatiñas viaxeiras e o seu canciño.