29 de maio de 2022

MINUTOS MUSICAIS

 Esta semana, escoitaremos o tema principal da banda sonora da película "La vida es bella". 




FELIZ SEMANA

27 de maio de 2022

CREAMOS CON... MÍRIAM FERRADÁNS

 Hoxe tivemos o luxo e o pracer de gozar coa presenza de Míriam Ferradáns na nosa biblioteca, para guiarnos, nun obradoiro de creación escrita.

O alumnado de 3º e 6º de primaria convertíronse en poetas por uns momentos.

Grazas Míriam por acompañarnos unha vez máis!!!











Recreos na biblioteca!

 Que alegría as nenas de 5º de Primaria conseguiron  montar o crebacabezas de animais do mundo!


 Parabéns!

 

26 de maio de 2022

O CLUB DOS POETAS

Para rematar o CLUB DE LECTURA de 6º, saímos a recitar poemas de diferentes autores ao parque Joe Novas.

Ao chegar estaban celebrando unha clase de zumba ao aire libre, polo que tivemos que buscar outro sitio.

No medio da natureza, rodeados de árbores, de rechouchíos de paxariños está un fermoso lugar secreto " A guarida". Alí con moita tranquilidade, con moita paz e silencio, un a un fomos recitando os poemas que eliximos.

Foi unha experiencia fantástica!

Ao regresar, fomos convidados a bailar zumba no parque Novas! 





                                       

II DÍA DA MUIÑEIRA: Muiñeira de Lugo!

Celebramos, por segundo ano consecutivo o DÍA DA MUIÑEIRA

Bailamos todos xuntos no patio de Primaria a Muiñeira de Lugo.

A palabra muiñeira, procede de muíño, lugares onde as persoas se xuntaban para moer os grans de trigo, millo, cebada... e como había que esperar... bailábase, cantábase, tocábase algún instrumento.

É fantástico bailar todos xuntos no patio!











Festival de Poesía. Letras Galegas 2022

Esta mañá primaveral recitamos, cantamos, gozamos coa POESÍA.

A primeira hora acudimos todas e todos ao noso Salón de Actos para recitar e escoitar.

Con dous presentadores magníficos, Carlota e Álvaro, fomos subindo ao escenario para recitar e incluso cantar diferentes poemas de Manuel María, García Teijeiro, Leire Bilbao e, por suposto do autor homenaxeado este ano: Florencio Delgado Gurriarán.

 
Podes visualizar o festival completo neste vídeo:










PARABÉNS!

25 de maio de 2022

Contacontos: EL PREOCUPASAURIO

Esta mañá estivo lendo, na nosa biblioteca, Irene, antiga alumna en prácticas. 
Compartiu con todos nós:

MOITAS GRAZAS IRENE!


 
 
 
 
 
 

 

22 de maio de 2022

Minutos musicais

Nesta semana na que celebramos a "Semana Cultural e das Letras Galegas" escoitaremos o poema "A roda-roda" de Manuel María ,cantado por Uxía Senlle e Magín Blanco, incluído no libro-disco Canta o cuco.

FELIZ SEMANA


20 de maio de 2022

VISITA Á ILLA DE SAN SIMÓN

Como broche de ouro á lectura de A LAVANDEIRA DE SAN SIMÓN, escrito por Eva Mejuto e ilustrado por Bea Gregores, publicada por Xerais; visitamos as illas de San Simón e de San Antón, na ría de Vigo.

Gozamos coa súa historia e as súas lendas que estimularon a nosa imaxinación.

Foi unha mañá emocionante para todas e todos os compoñentes do club de lectura!

Un verdadeiro pracer compartir viaxe literaria, histórica e xeográfica!












CONTACONTOS NAS ESCOLAS INFANTÍS

 O xoves 19 de maio, os voluntarios e voluntarias da nosa biblioteca, visitaron ás escolas infantís "A galiña azul" e "Ceo azul" para contar aos máis cativos dous libros preciosos da nosa biblioteca. 

Primeiro contaron a adaptación PRECISO UNHA APERTA, traducido e deseñado por tres voluntarias. A continuación, BOAS NOITES BUFO, un conto acompañado por diferentes instrumentos.

Viaxamos en transporte público, para concienciarnos da importancia de coidar o medio ambiente.










19 de maio de 2022

CHARLA PATRÓN MAIOR

 Dentro do programa da XXXIV SEMANA CULTURAL e DAS LETRAS GALEGAS, hoxe asistimos a unha charla-coloquio con José Manuel Rosas Otero, patrón maior da Confraría de pescadores San Martiño de Bueu sobre  ARTES DE PESCA.

As diferentes artes de pesca da exposición foron feitas por el a escala. 

Disertou arredor dos diferentes tipos, das especies que se capturan con cada unha delas, das que están prohibidas, das que son selectivas... e sobre todo, da importancia de coidar o mar.

Moitas grazas por esta charla tan interesante!






SOLIDARIEDADE!

 Grazas a todas as familias solidarias dentro do I FESTIVAL ARTÍSTICO SOLIDARIO, Art for change celebrado en Bueu o pasado sábado 30 de abril, organizado polo IES Johan Carballeira.

Temos o enorme pracer de comunicar que a contía recadada foi de 2362,58 €, dos que 300€ foron destinados a apadriñar unha balea e o resto foi doado a Pallasos sen fronteiras.

Visionade este vídeo de agradecemento:



Mil grazas pola vosa xenerosidade!!

18 de maio de 2022

Domingo Villar

O escritor Domingo Villar faleceu en Vigo. Falar de Domingo Villar é falar de Vigo e de novela negra.

En 2006 publicou o seu primeiro traballo  Ollos de  auga, e co segundo, A  praia dos  afogados, consagrouse no panorama nacional e internacional da novela negra, con gran éxito en vendas e crítica. Foi un dos nomes máis importantes do país neste xénero e un auténtico superventas da man do seu inspector  Leo Caldas.  A súa obra foi traducida a máis de 15 idiomas, levando as rúas e a ría de Vigo máis aló das fronteiras españolas. 

O último barco foi a súa última novela publicada no ano 2019.  

Algúns contos completos, 10 relatos curtos con linogravados de Carlos Laonza publicado no ano 2021.

Grazas ás súas obras, o autor cultivou un gran número de premios, como o  Novelpol en dúas ocasións, o Antón Losada Diéguez, o Premio  Sintagma, o Premio Brigada 21, o Frei Martín Sarmiento ou o Libro do Ano da Federación de Libreiros de Galicia. 

Tamén foi finalista doutros importantes galardóns como os  Crime  Thriller  Awards e  Dagger  International no Reino Unido, do premio Lle  Point  du Polar  Européen en Francia e do premio Martin  Beck da Academia Sueca de Novela Negra. 

Ademais, neste mesmo ano, no mes de marzo, Domingo Villar foi recoñecido na súa cidade natal co título de Vigués Distinguido, por toda a súa traxectoria literaria na que Vigo sempre tivo un lugar protagonista.

Grazas, Domingo Villar!

DRAMATIZACIÓN HISTÓRICA "A MEMORIA DO NOSO"

 A actividade da Semana Cultural que iamos realizar coa Asociación ASBEL quedou aprazada para outra data debido ás condicións metereolóxicas.


16 de maio de 2022

XXXIV SEMANA CULTURAL E LETRAS GALEGAS 2022

 Do 18 ao 27 de maio vai ter lugar a XXXIV Semana Cultural e das Letras Galegas 2022 no noso centro que este ano cumpre medio século.

Estas son as actividades programadas:

  • Mércores 18: Dramatización histórica  A MEMORIA DO NOSO  por Cabo Udra realizada pola Asociación por Beluso (ASBEL).



  • Luns 23: Charla arredor da HISTORIA DE BELUSO E DA ILLA DE ONS por Miguel García, historiador e exalumno do noso centro.

  • Martes 24 e mércores 25: Obradoiros NÓS MESMAS.

  • Xoves 26: RECITAL POÉTICO e BAILE DA MUIÑEIRA.

  • Venres 27: Creamos con... MÍRIAM FERRADÁNS.

  • Do mércores 18 ata o venres 27 EXPOSICIÓN DE ARTES DE PESCA cedida por José Manuel Rosas Otero.

  • Do 17 ao 31: MOSTRA HISTÓRICA do noso xornal escolar FIADEIRO, adicados ás Letras Galegas desde o ano 1978, na Casa do Pobo de Beluso.

COLABORAN: ANPA, ASBEL, CONFRARÍA DE PESCADORES, CONCELLO DE BUEU.


Podes consultar antigos FIADEIROS na marxe dereita deste blog ou visitar as páxinas de Arturo Cidrás:

http://bueu.esy.es/

https://descubrobueu.wixsite.com/bueu/fiadeiro

GOZA COAS ACTIVIDADES DA NOSA SEMANA CULTURAL! 

Mil grazas pola vosa participación e colaboración!

 

15 de maio de 2022

MINUTOS MUSICAIS

 Esta semana adicada ás Letras galegas, escoitaremos a canción didáctica, de Manuel Soto, sobre o escritor  homenxeado este ano: FLORENCIO  DELGADO GURRIARÁN.


        

                                                       FELIZ SEMANA!!!

13 de maio de 2022

ONCE DAMAS ATREVIDAS!

As nosas benqueridas voluntarias Candela, Neves e Sabela contaron moi ben contado ONCE DAMAS ATREVIDAS, un conto rimado do escritor Oli, ilustrado Helle Thomassen, editado por Kalandraka.



Mil grazas! Sodes unhas fantásticas DESEÑADORAS E CONTADORAS DE HISTORIAS!