29 de abr. de 2023

Festival Art For Change

Hoxe, sábado 29 de abril, o IES Johan Carballeira organiza, en colaboración co Concello de Bueu, as comunidades educativas e diferentes entidades o II Festival Art For Change, un encontro coa ciencia e a arte na praza Massó, con actividades no Museo Massó e outras ubicacións.

O recaudado será para a asociación de divulgación e conservación do fondo mariño, 13 GRADOS e a ONG, Save the Children.

Esperámosvos! Busca e participa no stand do noso centro!

25 de abr. de 2023

Teatro "As estacións"

Un grupo de nenas e nenos de 5º de Primaria representaron unha obra de teatro musical escrita por Elena, titulada "As estacións".

Nesta obra aprendimos que todas as estacións son importantes e necesarias para a Nai Terra.

Escolleron unha banda sonora moi apropiada para cada tempo.

Gran traballo!

Parabéns para Lolo, Violeta, Elena, Noa, Carmen, Leyre e Sabela!







23 de abr. de 2023

Minutos musicais!

 O 22 de abril conmemórase o Día da Terra  para crear unha conciencia común aos problemas da sobrepoboación, a contaminación, a conservación da biodiversidade, o quecemento global e outras preocupacións ambientais para protexer a Terra.

É un día para render homenaxe e recoñecer á Terra como o noso fogar, así como expresárono distintas culturas ao longo da historia, demostrando a interdependencia entre os seus moitos ecosistemas e os seres vivos que a habitamos.

Está na nosa man acabar coa contaminación  e intentar retrasar o cambio climático.

E ti... que podes facer? Ponte en marcha XA. A Terra é a nosa casa.

Esta semana escoitaremos a Roberto Carlos cantando "O progreso" para concienciarnos que o progreso debe estar en harmonía co medio ambiente.

Averigua o motivo polo que esta semana poñemos unha canción en portugués. 

Ven coa túa resposta pola biblioteca!

Feliz semana!



22 de abr. de 2023

Visita estaleiro do Purro

 O venres 21 de abril, o alumnado de 5º de Primaria visitou o Estaleiro do Purro, centro museístico da cultura mariñeira, patrimonio industrial e marítimo do noso concello. Actualmente é unha prolongación do Museo Massó

Foi a derradeira carpintería de ribeira en activo da ría de Pontevedra, nela formáronse moitos traballadores e construíronse embarcacións que aínda están en activo.

Grazas ao concelleiro Xosé Leal e ao concello de Bueu por facilitarnos a visita.


A continuación os nenos e as nenas de 5º e 6º de Primaria asistiron, con outros centros educativos do concello, a unha charla divulgativa da asociación 13 GRADOS para a conservación do fondo mariño das Rías Baixas.

Foi unha mañá moi interesante!


Encontro intercentros con Iria Misa!

 O venres o alumnado de 6º de Primaria do CEIP P. A Torre-Cela e do CEIP P. Montemogos mantivemos un encontro coa autora Iria Misa, por xentileza da editorial Xerais, na Sala Amalia Domínguez Búa en Bueu.

Durante o 2º trimestre lemos no Club de Lectura o libro "Mamá quero ser Ziggy Stardust" e como actividade final tivemos esta xuntanza. 

Conversamos con Iria Misa arredor do proceso creador da novela, da figura e da música de David Bowie, dos amigos imaxinarios, de Aine e do seu amigo Thomas que lle axuda a facer o tránsito social de xénero. 

Destacamos a importancia das ilustracións feitas por Alba Barreiro.

Foi unha xornada de convivencia moi positiva.

Esta xuntanza forma parte das actividades de tránsito do alumnado de Primaria á ESO, organizada en colaboración co Departamento de Orientación, xa que os dous centros estamos adscritos ao IES Illa de Ons.

Grazas ao Concello por facilitar este encontro!

Grazas a Iria por compartir con nós o seu tempo arredor da lectura!



 

21 de abr. de 2023

Tarde de lectura e xogos!

 Familias, co gallo do Día do Libro, estades convidadas o luns 24 de abril a gozar dunha tarde de xogos e lectura na biblioteca de 16,00h a 17,30 h!

Esperámosvos!



20 de abr. de 2023

Creamos con... Carmen García García

 Carmen García, xornalista, promotora de Xornal de Bueu, primeiro gran xornal dixital en galego de Bueu e a súa contorna impartiu un obradoiro de xornalismo para 4º, 5º e 6º de Primaria na nosa biblioteca.

Nunha primeira parte contounos que é o xornalismo, as funcións dos membros dunha redacción, as diferenzas entre prensa escrita e dixital, cales son os xéneros xornalísticos, as seccións, a xerarquización de contidos, as partes dunha noticia...

A continuación, creamos, deseñamos un xornal, agrupados en pequenas redaccións, cada quen coa súa función. Deseñamos a portada, escribimos as noticias con ilustracións, practicamos a entrevista entre nós...

Foi unha gran experiencia potenciando a creación escrita e o traballo en equipo.

Grazas Carmen por acompañarnos neste día especial na actividade Creamos con...












19 de abr. de 2023

As Familias Contan... Xián e Tiago!

Durante os meses de abril, Mes dos Libros, e maio, Mes da Lingua, a nosa biblioteca convértese nun fervedoiro de actividades na que as familias participan activamente narrando historias, recitando, dramatizando...

Este mércores, Ramona, a avoa de Xián de 5º de Infantil e de Tiago de 4º de Infantil, achegouse para lernos dous fermosos contos:




 Grazas por compartir tempo e lecturas!

Esperámosvos! 

Anímate a participar!

Teatro "Ti podes cambiar o mundo"

Durante a Hora de Ler Iria López, Saínza, Daniela, Rami e Sofía representaron para Infantil, 1º,2º e 3º de Primaria unha obra de teatro escrita e dramatizada por elas mesmas.

O seu título "Ti podes cambiar o Mundo" xa nos avanza que debemos coidar o medio ambiente concienciándonos para non tirar basura nin no monte, nin na praia, nin nos espazos públicos e que debemos reciclar, reutilizar e reducir.

Os entreactos e cambios de escena estiveron amenizados con música e baile.

Rematamos xogando co bee-bot para separar ben a basura e bailando... porque nos gusta moitísimo!

Parabéns por esta marabillosa obra de teatro! Sodes unhas grandes guionistas e tamén actrices!







Grazas por representar para nós!

Obradoiro con Charo Pita

Durante a tarde do martes 18 de abril gozamos dun obradoiro con Charo Pita, dentro do Programa Lectura e Familias. 

A partir da súa experiencia en lectura expresiva e narración  oral, conversamos arredor de libros, da importancia de contar historias por pracer, da capacidade da imaxinación, de "ver" a secuencia do conto na nosa cabeza. De potenciar, de activar a capacidade de escoita. De que os contos son casas de palabras.

Puxemos en práctica técnicas narrativas. 

Foi un obradoiro moi divertido e participativo, onde tiveron cabida as historias, a tradición oral e a música. Indudablemente fomos  protagonistas dunha fermosa historia da man de Charo Pita.

Mil grazas por compartir e facernos partícipes das túas técnicas e coñecementos!



 

18 de abr. de 2023

Semana do libro 2023

 Abril, mes dos libros!

O 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro.

A orixe desta celebración remóntase a principios do século XX.

O 23 de abril de 1616 faleceron Miguel de Cervantes, Shakespeare e Garcilaso de la Vega, e noutros 23 de abril tamén naceron ou morreron outros escritores eminentes da literatura universal. Por ese motivo a UNESCO decidiu homenaxear aos libros e aos seus autores e autoras nesta data simbólica e poñer en valor a lectura como motor de progreso social e cultural das persoas e dos pobos.

Para festexalo realizaremos diversas actividades:

  • As Familias Contan
  • Club de Lectura intercentros
  • Acompañamentos lectores e teatro durante a Hora de Ler 
  • As Belutecas, maletas con libros saen ao patio
  • Expositores de libros diferentes, de imaxes, tacto, realidade aumentada...

Anímate e ven pola biblioteca!



17 de abr. de 2023

Obradoiro con Charo Pita

 Este martes 18, ás 17,00, esperámosvos ás familias, mamás, papás, padriños, madriñas, tíos, tías, avós, avoas, curmás, curmáns, amigos, amigas na biblioteca para aprender, para investigar como podemos contar, narrar, entusiasmar coa lectura da man da gran Charo Pita.

Vémonos!



16 de abr. de 2023

Minutos musicais!

 Abril, mes dos libros!

O próximo 23 de abril celébrase, en todo o mundo, o Día Internacional do Libro.

A orixe desta celeberación remóntase a principios do século XX xa que o 23 de abril de 1616 faleceron Miguel de Cervantes, Shakespeare e Garcilaso de la Vega, e noutros 23 de abril tamén naceron ou morreron outros escritores eminentes da literatura universal. Por ese motivo a UNESCO decidiu homenaxear aos libros e aos seus autores e autoras nesta data simbólica e poñer en valor a lectura como motor de progreso social e cultural das persoas e dos pobos.

Para festexalo, esta semana, escoitaremos ao grupo Migallas cunha canción do seu libro-disco “Canta Connosco!”, ilustrado por Óscar Villán titulada “O libro máxico”

Imaxínate voando nunha alfombra... Imaxínate que eres un astronauta... Todo pode suceder si abres un libro... 

Anímate e ven pola biblioteca!


"O libro é forza, é valor, é alimento, facho do pensamento e manancial do amor" Rubén Darío



12 de abr. de 2023

As Familias Contan 2023

 Familias esperámosvos na biblioteca para ler, recitar, dramatizar, contar un conto, unha lenda, un poema, un capítulo dun libro dentro da nosa benquerida actividade  "As familias contan".

Animádevos a vir entre o luns 17 de abril e o venres 19 de maio.

Se precisades máis información preguntade ao Equipo de Biblioteca ou escibide un correo a biblioteca.ceipmontemogos@gmail.com

Grazas por participar!



11 de abr. de 2023

Xuntanza Club de Lectura de persoas adultas

 


É fantástico gozar do tempo compartido arredor da lectura!

Na xuntanza arredor da novela " O home que matou a Antía Morgade" conversamos do estilo narrativo da autora tan propio, dos temas que trata o libro, da adolescencia, do amor...  e sobre todo da VIDA.

Lectura, conversación, escoita activa, emoción, risas... son as bases do noso club!

Grazas por asistir! Vémonos pronto!




 

2 de abr. de 2023

Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

"Son un libro, leme"

2 de abril, data de nacemento de Hans Christian AndersenIBBY (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día do Libro Infantil. O obxectivo é promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos. 

A sección patrocinadora deste ano é Grecia que difunde a mensaxe de Vagelis Iliopoulos e o cartel de Photini Stephanidi co lema "Son un libro, leme"
 
GÁLIX, Asociación do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a tradución ao galego de Mercedes Pacheco.


Cada un de nós é único.
E merece ser respectado,
ser lido sen prexuizos,
ter o seu espazo, o seu andel. 
 
 Vagelis Iliopolus, autor.
 Mercedes Pacheco, tradutora. 

Le a Mensaxe completa.

2 de abril: Día Mundial del Autismo

O 2 de abril celébrase o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo decretado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, co obxectivo de contribuír á mellora da calidade de vida da poboación que ten esta condición.
Quérese promover a súa inclusión como cidadáns de pleno dereito en todos os ámbitos da sociedade.

O Autismo ou Trastorno do Espectro Autista (TEA) é un trastorno de orixe neurobiolóxico que afecta o funcionamento do cerebro e o sistema nervioso e preséntase nas primeiras etapas da infancia.

Esta condición caracterízase por afectar a interacción co mundo exterior, o contacto coas persoas da contorna, así como problemas de comunicación verbal.




Belusiña e Coelliño de Pascua

 O Coelliño de Pascua e Belusiña organizaron unha búsqueda do Tesouro (rico rico) pola Biblioteca con Formación de Persoas Usuarias.

O alumnado de Infantil recibiu unha carta do Coelliño na que os convidaba a ir á biblioteca. Alí tiveron que interpretar tejuelos, buscar o lugar onde podería estar e montar un crebacabezas para atopar o libro e o tesouro!

Parabéns a todas e todos! Fixéstelo xenial! Sodes uns grandes buscadores e buscadoras de tesouros!

Blog de Educación Infantil.