31 de xan. de 2021

Minutos musicais!

Comezamos febreiro escoitando a canción "Eso que tú me das" derradeira canción do cantante catalán Pau Donés, líder do grupo Jarabe de Palo. 

Un canto á  AMIZADE e de agradecemento a todas aquelas persoas que sempre están  nos  momentos difíciles: ... Así que gracias por estar. Por tu amistad y tu compañía. Eres  lo mejor que me ha dado la vida".


Moi boa semana!!


30 de xan. de 2021

DÍA DA ILUSTRACIÓN

30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao, celébrase o Día da Ilustración. 

Unha data que serve para reivindicar o papel dos profesionais do mundo da ilustración homenaxeando a un ilustrador ou ilustradora histórico galego. 

Este ano a protagonista é Lolita Díaz Baliño (1905-1963) "... unha pioneira artista multidisciplinar que desafiou as convencións sociais da época." Foi a primeira muller membro da Real Academia de Belas Artes.


Unha das súas ilustracións: " Camiño de Compostela"

Para saber máis visita o blog de Bibliotecas Escolares

IV CONEXIÓN BIBLIOTECA: WANGARI MAATHAI: A MULLER ÁRBORE

Hoxe, venres 29 de xaneiro conmemoramos o DÍA ESCOLAR DA PAZ E NON VIOLENCIA .
O voluntariado de 6º preséntanos a unha muller excepcional: WANGARI MUTA MAATHAI durante a IV CONEXIÓN BIBLIOTECA co centro e coa comunidade educativa.

No ano 2004  concedéronlle o Premio Nobel da Paz por “a súa contribución ao desenvolvemento sostible, á democracia e á paz”.
Foi a primeira muller africana e a primeira ambientalista en conseguir este galardón. Gran defensora dos Dereitos Humanos, o empoderamento das mulleres e do medio ambiente
Frases súas:
-"A maneira de promover a paz é promover a xestión sostible e a distribución equitativa dos recursos"
-"Cando plantamos árbores, plantamos as sementes da paz e as sementes da esperanza"
-"A Natureza une as culturas do mundo"

Na biblioteca atoparás libros sobre a súa vida, incluso un feito no noso centro!

Goza con esta lenda africana narrada por Wangari Maathai: "Serei un colibrí"

MIL GRAZAS ÁS NENAS E NENOS VOLUNTARIOS POR ESTAR SEMPRE DISPOSTOS A COLABORAR!














28 de xan. de 2021

Debuxando IMAGINE

Gozade con estas fantásticas ilustracións realizadas por todo o alumnado da canción IMAGINE de JOHN LENNON e YOKO ONO.

Recordade que este ano cumple 50 anos!

Clickade na imaxe e disfrutade!

















FERMOSÍSIMAS!

27 de xan. de 2021

Conexión Biblioteca co IES Illa de Ons: Imagine

Hoxe, o alumnado de 6º de Primaria, realizou unha Conexión Biblioteca para dar a coñecer o libro Imagine (Ed. Flamboyant) ao alumnado do IES Illa de Ons, con motivo da celebración dos 50 anos desta canción, todo un símbolo da paz e da igualdade. 

Compartimos aquí a lectura do libro polo alumnado voluntario da biblioteca escolar.


Moitísimas grazas ao IES Illa de Ons por facilitar o contacto virtual entre o alumnado!




Mil grazas aos voluntarios e voluntarias por participar nesta iniciativa!

Máis información nos blogues do IES ILLA DE ONS e de English.



25 de xan. de 2021

Coñecendo a IMPRESORA 3D


Temos un novo recurso na biblioteca do colexio: a
impresora 3D!

Ao mirar a impresora, sen saber que era, e preguntarlle ao alumnado que podía ser ese novo aparato que chegara ao colexio, houbo diferentes respostas: 

- Pode ser un microondas, pode ser unha televisión, pode ser unha máquina de desinfectar libros ou de facer libros, pode ser unha máquina de secar as mans, pode ser unha máquina de facer xoguetes, pode ser un caixón para gardar libros... 

Ao presentarlles a impresora e o seu funcionamento (emprega un fío de plástico, funciona con moita calor, podemos ver como traballa dende a clase porque leva unha cámara incorporada...) todo o alumnado quedou abraiado.

Cada clase fixo unha letra da palabra "biblioteca" que quedou colocada na entrada da nosa biblio.


SEMANA DA PAZ: 250 ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE BEETHOVEN

 Nesta semana adicada á PAZ e con motivo do "250 Aniversario do Nacemento de Beethoven" o alumnado voluntario de 6º de primaria prepararon un traballo sobre o xenial músico e compositor alemán.

 Escoitade atentamente!


Beethoven compuxo a 9ª Sinfonía (1824),cando xa se atopaba completamente xordo, sendo unha das obras de música clásica máis recoñecidas da historia. Considerada un símbolo de fraternidade e igualdade , dende o ano 1985 é o Himno da Unión Europea e foi declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco no 2001.

Deixámosvos un vídeo onde os nenos e nenas de 6º de primaria interpretan con metalófonos e carillóns a melodía do "Himno da Alegría" baseada  no cuarto movemento  da tamén coñecida como Sinfonía "Coral".


MOITÍSIMAS GRAZAS AOS NENOS E NENAS DE 6º DE PRIMARIA!!


24 de xan. de 2021

MINUTOS MUSICAIS!!

 Esta semana, na que celebramos o "Día da Paz e non violencia" (30 de xaneiro), as audicións serán: o "HIMNO DA ALEGRÍA" baseado na 9ª Sinfonía de Beethoven, intepretado por Míguel Ríos, Ana Belén , Joan Manuel Serrat e Víctor Manuel  e "IMAGINE"  , canción que cumple 50 anos, xa que foi composta no ano 1971 por John Lennon, e que continúa a ser un himno da PAZ mundial.




FELIZ SEMANA e PAZ a TOD@s!!!


DÍA INTERNACIONAL DA EDUCACIÓN

Hoxe, 24 de xaneiro é o DÍA INTERNACIONAL DA EDUCACIÓN.

A educación é un dereito humano, un ben público e unha responsabilidade colectiva.

A educación transforma vidas, consolida a paz, axuda a erradicar a pobreza e impulsa o desenvolvemento sustentable.

A UNESCO considera que a educación é un dereito humano para todos e todas, ao longo de toda a vida e que o acceso á instrución debe ir acompañado da calidade.

Emotiva historia dunha nena e o seu avó que se embarcan cara á aventura de aprender:




17 de xan. de 2021

MINUTOS MUSICAIS!

Nesta semana, na que se celebra o Día Mundial do Abrazo (21 de xaneiro), escoitaremos a canción "All you need is love " do grupo de pop inglés The Beatles.



       UN MILLÓN DE ABRAZOS !!!

15 de xan. de 2021

RECREOS NO BIBLIOLAB!

Este venres os mozos e mozas de 6º remataron no bibliolab os seus robots.

Canta creatividade cun vaso de plástico, uns rotuladores, unha fonte de enerxía e moita imaxinación!

Que novas propostas nos terá preparadas Belusiña?

Estade moi atentas e atentos!

13 de xan. de 2021

RECREOS NO BIBLIOLAB!

 Hoxe, quenda de recreo no BIBLIOLAB para o alumnado de 5º de Primaria, que remataron os seus robots pintores.

Mirade que orixinais lles quedaron!


Parabéns polo traballo realizado!

Estade atentos e atentas a ver que nos propón Belusiña a próxima semana!

Animádevos!

10 de xan. de 2021

MINUTOS MUSICAIS!!

 Retomamos as clases despois das vacacións de Nadal escoitando un clásico destas datas: 

"A Marcha Radetzky" do compositor austríaco Johan Strauss (pai).

É costume que esta peza musical peche o concerto de Ano Novo de Viena, no que o público asistente marca con palmas o ritmo ao tempo que o director da orquestra o dirixe.

Este ano 2021, debido á situación tan especial na que nos atopamos, o concerto realizouse sen público polo que a Orquestra Filarmónica de Viena, dirixida polo italiano Riccardo Muti, tivo que interpretar a Marcha sen acompañamento de palmas

Un concerto, sen dúbida, moi especial!!


       Boa semana!!

3 de xan. de 2021

MINUTOS MUSICAIS!!

 Nesta semana na que todos e todas esperamos a chegada dos Reis Magos escoitaremos a "Sinfonía dos Xoguetes" atribuída durante moitos anos a Leopold Mozart (pai de Mozart), sen embargo, recentes estudos demostran que o autor  foi un monxe benedictino chamado Edmund Angerer.

O seu título débese a que os xoguetes teñen un papel fundamental, ademais dos instrumentos da orquestra, interveñen unha carraca, un reclamo para paxaros, unha trompeta de xoguete, un tambor de  estaño, frautas de pico...


     QUE OS REIS MAGOS OS DEIXEN MOITOS REGALOS,

                                 BOA SEMANA!!!