28 de set. de 2023

Yolanda Castaño, Premio Nacional de poesía 2023

 A poeta compostelá Yolanda Castaño foi galardoada co Premio Nacional de Poesía do ano 2023 pola súa obra Materia (Xerais, 2022).

Parabéns!👏👏



23 de set. de 2023

Día Internacional da Lingua de Signos 2023

 O 23 de setembro conmemoramos o Día Internacional da Lingua de Signos.  

Un paso cara á construción de sociedades nas que as persoas xordas de todo o mundo poidan facer acenos en calquera lugar!

Durante a Hora de Ler visualizaremos e intentaremos expresar con acenos algún destes contos.

Conto cantado: "A mellor sopa do mundo". Grazas á Escola Infantil Abelliñas.


 

Conto: "A ratiña presumida". Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes


 

Conto: "A que sabe a Lúa?" Organización FEDAPAS


 

Vídeo: "Grazas mamá"


 


A lingua de signos únennos!


 

 

Minutos musicais!

 Ludwig van Beethoven é considerado un dos compositores máis importantes da historia.

 A vida do compositor estivo marcada pola súa xordeira. A perda auditiva foi total no seu último ano.

Os primeiros síntomas da súa xordeira apareceron antes de cumprir os trinta anos.

A medida que perdía a súa audición, o compositor comezou a comunicarse por escrito nos seus cadernos de conversación, que levaba sempre con el.
 
 O museo musical Beethoven-Haus Bonn (de Alemaña) creou un recurso para tentar mostrar como el mesmo escoitaría a súa 5ª Sinfonía, unha das máis coñecidas do artista.

A pesar da xordeira, as súas obras son mundialmente coñecidas: a Sinfonía n.º 5, os últimos cuartetos de corda e sonatas para piano, a Misa Solemnis e a Novena Sinfonía, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e convertida logo en Himno da Unión Europea.

Empezou a depender máis da notación, sistema de escritura utilizado para representar gráficamente unha peza musical, nos últimos anos. A composición para el consistía cada vez máis en debuxar, escribir e revisar en papel.

O 7 de maio de 1824, o desaparecido teatro Kärntnertortheater de Viena acolleu a estrea da Novena Sinfonía de Beethoven. O músico seguiu o concerto coa partitura e cando concluíu Oda á alegría, parte final da súa composición, houbo un gran aplauso e ovación, que Beethoven non escoitou. Un dos intérpretes achegouse a el, tocoulle o ombreiro e indicoulle que se virase, e entón Beethoven deuse conta de que a súa Novena Sinfonía tivera un gran éxito.
 
Esta semana escoitaremos a  Novena Sinfonía!


 
 Feliz semana!


22 de set. de 2023

Festival Internacional de Cinema de Bueu 2023

 O martes 19 de setembro, todas e todos gozamos de curtametraxes axeitados a nosa idade dentro da programación FIC en Bueu.

Foi moi divertido! O Cine é a 7ª Arte.





17 de set. de 2023

Minutos musicais!

 Esta semana escoitaremos durante os minutos musicais, no tempo de entrada, a canción Thunderstruck da banda de rock AC/DC

AC/DC é un grupo australiano formado en 1973 e considerado un dos máis influentes do hard rock internacional. O seu son agresivo, as súas espectaculares actuacións e o seu estilo de vida contou con inmumerables imitadores ao longo das décadas.

Gozade do espectacular son de guitarra inicial!


Feliz semana! 

Parabéns ao Club do Mar Bueu!

 A nosa felicitación ao Club do Mar Bueu e a súa traiñeira Maruxía que acaban de ascender á ACT (Asociación de Clubes de Traiñeiras). É unha das doce mellores tripulacións de España.

Parabéns!



13 de set. de 2023

EN XOGO!

 Novo curso... novo Proxecto Documental de Centro... EN XOGO!

Durante este ano fomentaremos, investigaremos, expoñeremos, xogaremos, gozaremos cos DEPORTES e a práctica saudable de actividades físicas.

Mens sana en corpore sano, locución latina que significa mente sa en corpo san que nos anima a realizar actividades físicas para estar en mellores condicións para ler, estudar, comprender, crear...

O primeiro día de clase foi moi emocionante. Despois das presentacións e dunha primeira toma de contacto todos e todas comentamos como nos sentiamos neste momento inicial do curso plasmándoo nun debuxo, nunha palabra ou pequena frase que pegamos en diferentes materiais deportivos.



Despois do recreo participamos en varios xogos colectivos en equipos de diferentes idades: balonmán, relevos con culler, salto de altura, escalada, baloncesto, fútbol, tira á diana, tenis de mesa e paralímpicos.

Gozamos dunha xornada moi divertida!






  


FELIZ CURSO 2023-2024!







10 de set. de 2023

BENVIDOS E BENVIDAS!

 Comezamos un novo curso con moita ilusión e moitas ganas de aprender, de xogar, de ler, de estar en forma, de facer deporte, de convivir...

Nesta primeira semana de curso iniciamos as audicións musicais matinais coa canción de Shakira: Waka Waka (Esto es África).

Adiviñas cal vai ser o tema do Proxecto Documental deste curso? Un adianto... non é fútbol!😉