29 de xuño de 2023

Feliz verán 2023!

 A comunidade escolar do CEIP P. Montemogos deséxavos unhas moi felices vacacións de verán!

Xoga, le, ri, le, goza, le, conversa, le, escoita, le, pasea, le ... 

Vémonos en setembro!



Bo verán!

Festa de despedida de 6º

O último día de clase o alumnado de 6º de Primaria despediuse da comunidade escolar representando unha obra de teatro percorrendo a súa etapa vital no colexio recordando anécdotas moi divertidas. Recibiron diplomas e a ANPA realizou o sorteo dun patinete.

Foi unha despedida moi emotiva!

Bailamos todos e todas xuntas no patio.


 


Moita sorte no instituto Raúl, Cris, Águeda, Naia, Aitor, Roi, Nahia, Emilio, Manuel, Salvador, Óliver, Mara, Aroa, Uma, Nerea e Sara!

Felices vacacións!

28 de xuño de 2023

Fiadeiro 2023

Xa está aquí a revista do noso cole: Fiadeiro 2023

27 de xuño de 2023

Premio para Luís Davila!

 Luís Davila, o noso veciño de Cela, recibiu o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo pola defensa da nosa lingua e a nosa cultura a través do humor gráfico.

Luís Davila é deseñador gráfico, ilustrador, pintor e viñetista. Coñecido, especialmente, polas súas viñetas de "O Bichero". 


Parabéns por este recoñecemento!

22 de xuño de 2023

Xogos na biblioteca con Brazolinda

Xornada de xogos con Brazolinda para despedir o curso na biblioteca!










Que divertido é xogar todos xuntos!






Kilos de Solidariedade!

 Máis de 200 kg de tapóns recollidos ao longo deste curso!

Parabéns aos nenos, nenas, familias e a toda a comunidade!

Grazas a todas e todos por colaborar!




Grazas voluntarios e voluntarias!

Entrega de diplomas e agasallos para os nenos e nenas voluntarios de biblioteca.
Mil grazas pola vosa dedicación a prol dunha biblioteca máis solidaria!


21 de xuño de 2023

Teatro: A colleita de ratiño

Como despedida de ciclo e de curso o alumnado de 6º de Infantil, coa colaboración dos nenos e nenas de 5º de Infantil representaron unha adaptación do marabilloso álbum ilustrado: A colleita de ratiño.


Visita o blog de Infantil para gozar desta fantástica dramatización.

Parabéns a estes grandes actores e actrices pola súa actuación!

20 de xuño de 2023

Banco da amizade!

Xa temos no patio o Banco da amizade! 

Foi unha das propostas que se repetiu por parte do alumnado no círculo de diálogo para a mellora da convivencia e que se acadou grazas ao Contrato-Programa Inclúe-T.

Tras o deseño das letras do banco polo alumnado de 6º de Primaria e o pintado polo alumnado de 4º de Primaria, foi colocado no patio para que o alumnado  que se sinta só teña un refuxio no que atopar unha amiga ou un amigo que se achegue a ofrecerlle a súa compaña. 

Outras das propostas que se acadaron tamén a través deste programa e das que xa gozamos no colexio son o buzón da amizade e o cartel das "palabras máxicas" para axudar a lembrar que coas nosas palabras podemos mellorar a convivencia na escola.



Grazas por ser tan boas persoas!

Parabéns Míriam Ferradáns!

A nosa ben querida Míriam Ferradáns acaba de gañar o VI Premio Manuel Lueiro Rey de xornalismo, cun texto titulado Un maínzo de sal.

Conta a historia dun neno chamado Raúl no que aborda a problemática da pobreza alimentaria infantil. Uns datos que, segundo Save the Children, apuntan que en España hai 2,6 millóns de menores de idade en risco de pobreza e exclusión social ou dito de outro modo, un de cada tres nenos. 

Míriam Ferradáns ten publicadas como poeta Deshabitar unha casa (2016) e Nomes de Fume (2017), cos que gañou, respectivamente, o premio de poesía Francisco Añón e o Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé. Nos anos 2013 e 2014 gañou o primeiro premio Rosalía de Castro de Cornellá. Con Do tacto recibiu o primeiro premio de poesía Leiras Pulpeiro no ano 2016. A finais de 2019 a editorial Apiario publicou o seu último libro, a plaquette, Agosto

 En 2021 gañou o XVIII Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego co artigo Dalias, publicado en Nós Diario. E nese mesmo ano gañou os XXIX Xogos Florais María Pita da Coruña co poemario Corazón de chícharo e acadou o terceiro premio do certame Leiras Pulpeiro coa composición As Amantes 

Algúns dos seus poemas foron traducidos ao portugués, alemán, inglés, italiano, finés...

VII CROSS CABO UDRA

O domingo 18 de xuño celebrouse o VII Cross Cabo Udra con gran éxito de participación.

Grazas á Asociación ASBEL por dinamizar o deporte no noso pobo! 


 Natureza, deporte, solidariedade, inclusión...


 

19 de xuño de 2023

Premios Xerais 2023

Esta fin de semana falláronse os Premios Xerais de Novela, e os xurados escolleron as obras de Pedro Feijóo, María Reimóndez e Leticia Barbadillo. 

Pedro Feijóo gañou o Premio Xerais de Novela coa súa obra Ninguén contará a verdade, unha novela sobre a corrupción política protagonizada por unha xornalista en paro, Marosa Vega, que en colaboración cun xornalista veterano, Salva Lamas, investiga un caso de corrupción política que afecta ao presidente da Xunta e que está a deixar un regueiro de vítimas.

María Reimóndez fíxose co Jules Verne 2023 de Literatura Xuvenil coa novela Furia. Nela abórdase a incursión no mundo do boxeo de Cecilia, unha rapaza de 16 anos que se muda de cidade a vivir coa súa tía avoa trala morte da súa nai. No seu traxecto vital, Cecilia coñecerá a dúas mulleres de diferentes idades e condicións sociais.

Leticia Barbadillo gañou o Premio Merlín 2023 con A botella de lentellas, a historia sobre un neno que, tralo internamento da avoa nunha residencia, decide facer por si mesmo as orellas doces que lle preparaba a súa avoa, e imaxinar as historias escoitadas por esas orellas. Esta é a primeira novela de Leticia Barbadillo.

En outubro realizarase o acto de entrega e os libros estarán nas librarías.

18 de xuño de 2023

Minutos musicais!

 Chegamos á ultima semana de curso con moitas ganas de vacacións e con cambio de estación!

Escoitaremos Estamos no verán!!! de Xoan Curiel


FELIZ VERÁN!

17 de xuño de 2023

Recomendacións lectoras verán 2023!

 Xa chega o verán e con el as vacacións e desde a Biblioteca desexámosvos unhas Felices Lecturas gozando da natureza que nos rodea!


 


Non deixes de visitar as librarías do noso pobo e a Biblioteca Pública!

16 de xuño de 2023

Hoxe conta... Carla

 O xoves 15, Carla de 4º de Primaria, leunos marabillosamente unha bonita historia de ratos e manchas, na biblioteca, para Infantil.

Agasallounos cunhas manchas moi artísticas.


 


Grazas a todas e todos que participastes lendo, contando, dramatizando este curso!

14 de xuño de 2023

Faro da escola

O martes 13 os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º de Primaria, asistiron á gala de entrega de xornais e premios de Faro da Escola, proxecto educativo de Faro de Vigo.

Obtivemos o premio á mellor infografía.

Grazas por participar neste proxecto!





Club de Poesía

Para rematar este curso, os integrantes do Club de Lectura convidamos a todas as compañeiras e compañeiros de 6º a que nos acompañasen a ler poesía ao Lago Mansiño, fonte e lavadoiro situado na Cabada preto do noso centro.

Recitamos poemas de diferentes autores ao son do gurgullo da auga, alí con tranquilidade un a un fomos recitando os poemas elixidos.

Foi unha experiencia máxica!

                                             







Grazas por todo este tempo compartido arredor da lectura!


13 de xuño de 2023

Creamos con... Leonardo Rial


O xoves 8 de xuño realizamos un obradoiro creativo coa técnica de gravado con Leonardo Rial Otero no seu Taller Experimental de Obra Múltiple Contemporánea en Vilariño.


Con anterioridade, na clase, gravamos sobre cartóns de leite os nosos debuxos.

Un gravado é unha obra artística que se realiza ao transferir unha imaxe desde un ferro ou matriz sobre unha lámina de papel aplicando presión ao papel e a matriz. Esta técnica permite realizar múltiples copias da mesma imaxe impresa como unha edición limitada e numerada. Polo xeral, os gravados colócanse nunha prensa onde se aplica a presión necesaria.










Grazas a Leonardo e ás suás colaboradoras por este fantástico obradoiro artístico!

A Sala de Exposicións da Casa da Cultura de Cangas acolle ata o 16 de xullo unha exposición de gravados da Mostra do Primeiro Mini Print Internacional Galicia adicado ao Nobel da Paz, Adolfo Pérez Esquivel.

12 de xuño de 2023

Visita ás illas de San Simón e San Antón

 Os integrantes do Club de Lectura visitamos ás illas de San Simón e San Antón, na ría de Vigo, como remate á lectura de A lavandeira de San Simón, escrito por Eva Mejuto, ilustrado por Bea Gregores e publicado pola editorial Xerais.

San Simón recibiu ataques piratas, acubillou a cabaleiros templarios, a persoas que tiñan que facer cuarentena cando regresaban de América, foi campo de concentración, orfanato e hoxe debe a súa fama a un particular festival de música, o Sinsal.

Gozamos coa súa historia e as súas lendas que estimularon a nosa imaxinación.

Evocamos a historia, o ambiente e aos personaxes narrados no libro.

Foi unha mañá emocionante para todas e todos os que formamos parte do club de lectura!











Un verdadeiro pracer compartir viaxe literaria, histórica e xeográfica!