Esta penúltima semana do curso escoitaremos durante os minutos de entrada ao centro, ao grupo galego Luar Na Lubre en colaboración con Diana Navarro, versionando unha canción inglesa do século XII,Romeiro ao lonxe.
No cabo do mundo, como o dito popular proclama, a San Andrés de Teixido vai de morto o que non foi de vivo. Os peregrinos comparten o camiño con animais, que son as almas dos que non puideron cumprir en vida a peregrinación, polo que non poden recibir maltrato ningún.
Os romeiros adoitaban levar unha longa camisa branca con reberetes formando ondas e nalgúns puntos do camiño depositaban pedras que ían facendo medrar milladoiros.
Arredor da ermida os veciños aínda seguen a facer os "sanandreses", fermosa artesanía de miga de pan endurecida no forno e coloreada, con imaxes do santo na súa barca de pedra.
No adro medra a herba de namorar, á que lle atribúen propiedades casamenteiras.
Na canción peregrina o corvo mariño, o mascato e o lagarto das silvas -vistoso exemplar con cabeza de intensa cor azul-, neste espazo que desperta as ansias de amor e paz e a irmandade entre vivos, mortos, animais, plantas e augas.
Romeiro hei de ir lonxe ao San Andrés
con herbiñas de namorar,
dareille a quen alén mar está
o aloumiño do meu amor.
Hei de vestir a camisa de liño
que ela teceo para min
con herbiñas de namorar;
anda o lagarto azul e souril
a acaroar mapoulas bermellas,
nacidas de fusís,
co aloumiño do meu amor,
alleo á guerra e ao seu tambor.
Morto ou vivo hei volver á terra
que ela andou canda min
con herbiñas de namorar;
chouta o mascato polo cantil
a vela-lo adro familiar,
ala lonxe, na fin,
co aloumiño do meu amor.
Cabo do mundo, ó pé dun aguillón
doeme a guerra ruín
entre herbiñas de namorar;
corvo mariño voa xentil
o amilladoiro a levantar
e pan santo a colorir
co aloumiño do meu amor.
Romeiro hei de ir lonxe ao San Andrés
con herbiñas de namorar,
dareille a quen alén mar está
o aloumiño do meu amor.
O grupo Luar na Lubre, son toda unha referencia dentro do folk español e internacional. A fama do grupo disparouse cando o músico británico Mike Oldfield quedou encantado coa súa música incorporando ao seu disco Voyager unha das súas cancións; O son do ar.
Esta semana escoitaremos a Mike Oldfield, The song of the sun.
Esta semana escoitaremos, durante o momentiño da entrada, a canción da banda A Gramola Gominola,A superlingua.
A Superlingua é a canción da Gramola Gominola que fala da nosa lingua, a lingua galega. Déronlle ese nome de Superheroína porque ela ten grandes poderes!
Con ela podemos cantar, ler, rir, investigar, amar...
Acaso hai algo que non poidamos facer coa nosa Superligua?
A Gramola Gominola é unha banda de auténtico Rock&Roll en galego para público cativo. Eles son Paco Cerdeira (Pakolas, Zenzar), Paula Romero (De Vacas, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (Di elas, Lacón con Grelos). O grupo naceu no ano 2015 e dende entón deron centos de concertos poñendo ao público en pé cos cornos en man! Premio Martin Códax da Música 2018 ao mellor grupo de música infantil. Teñen tres libros-CD no mercado publicados pola Editorial Galaxia e que podes atopar na nosa biblioteca.
O martes 7 iremos ao Correlingua a Bueu e escoitaremos a súa música!
Feliz semana!
Falemos a nosa lingua!
Mil primaveras máis para a nosa lingua! (Álvaro Cunqueiro)
Esta semana escoitaremos "O maio", canción de Luís Emilio Batallán, a partir dun poema de Manuel Curros Enríquez, do poemario "Aires da miña terra" (1880)
Esta semana escoitaremos "Eu son", canción escrita por Anxo Fernández coa colaboración na letra de Adrián Beiroa e arranxos na música de Guezos.
Guezos é unha banda de rock-pop-folk ourensán, cuxas composicións son moi abertas a calquera estilo, valorando moito as melodías e as harmonías propias do folk e mesturándoas coa potencia do rock.
O nome do grupo foi escollido ao chou dun dicionario de Galego/Barallete e significa "Rapaces ou nenos duns 13/14 anos". Tamén é o nome do seu primeiro álbum, que viu a luz no 2001.
O barallete é a xerga utilizada polos afiadores do concello ourensán de Nogueira de Ramuín para se comunicar entre eles. A finalidade da fala era a de evitar a comprensión por parte das persoas que non pertencesen ao gremio. Esta xerga tamén era utilizaddda por músicos e por outros profesionais ambulantes como os paraugueiros ourensáns.
Iniciamos semana con eclipse total de sol visible arredor das 21,00 h. deste luns 8 de abril
Un eclipse de sol é un fenómeno astronómico onde a Lúa se interpón entre a Terra e o Sol oscurecendo momentaneamente o ceo aínda que sexa de día. En España será visible en Galicia e Canarias.
Esta semana escoitaremos a canciónA primavera do grupoMamá Cabra, incluída no libro-disco-DVD Bicos de música, editorial Galaxia.
A asociación Familias Azuis, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, creou o videoclip Nun mar azul.
Con letra e música de Raquel e Chus Domínguez; está interpretado por Uxía, Magín Blanco, Gustavo Domínguez, Isaac Palacín e mais Pablo Ces. É unha creación de OliconH, con animación de Nacho Laya e pictogramas en galego deseñados por Paxi da Silva.
Conta coa colaboración de nenos e nenas do Morrazo.
Foi gravado na praia de Pinténs, no Hío, na ría de Aldán (Cangas do Morrazo)
Estamos convidados a crear un gran mar azul entre todos e todas para achegarnos e intentar comprender ás persoas con TEA (trastorno do espectro autista) comunicándonos, rompendo barreiras e apreciando as súas potencialidades.
Iniciamos unha semana chea de conmemoracións: Día da Poesía, Día da Auga, Día da Síndrome de Down... Escoitaremos a banda de rock estadounidense 4 Non Blondes e o seu éxito What`s Up.
Esta banda estaba formada por: Linda Perry, cantante; Roger Rocha, guitarra; Christa Hillhouse, baixo e Dawn Richardson, batería.
O venres 8 de marzo deuse a coñecer a noticia da morte do creador de Son Goku e Arale, o debuxante xaponés Akira Toriyama.
Toriyama era mundialmente coñecido por obras como "Dragon Ball" ou "Dr. Slump" e tamén polo deseño de personaxes de vídeoxogos como "Dragon Quest", "Chrono Trigger" ou "Blue Dragon" entre outros.
Grazas "As bolas máxicas" (Dragon Ball) no Xabaril Club na TVG, o manga chegou en galego a toda unha xeración alá polos anos 90.
Esta semana, durante os minutos musicais da entrada, escoitaremos a súa banda sonora:
O 17 de marzo celébrase por primeira vez o Día do Cómic e o Tebeo, por ese motivo esta semana anímate a ler cómic, novelas gráficas, tiras, manga...
Na nosa biblioteca gústanos moito ler Banda Deseñada!!
Esta semana na que conmemoramos o Día de Rosalía de Castro, 23 de febreiro, escoitaremos durante uns minutos durante a entrada ao grupo do Morrazo chamadoAstarotcunha versión moi especial do poema Adiós ríos, adiós fontes.
A banda quixo render homenaxe desde o mundo do rock a autores que marcaron a Literatura en lingua galega, como Rosalía de Castro, Federico García Lorca, Xela Arias ou Celso Emilio Ferreiro, entre outros.
ASTAROT son : Juán A. Antepazo – Voz principal Carlos Gandón – Guitarras e voces Carlos Rodal – Baixo Nano Vikendi – Guitarras e voces José M. Piedra - Batería
Espéranos unha semana con moitas sorpresas... Estades preparados e preparadas?
A bailar, a sorrir con Carlinhos Brown e a súa canción Maria Caipirinha.
Carlinhos Brown é un músico, cantante e produtor musical brasileiro. O seu estilo musical mestura reggae e percusión tradicional brasileira. A súa música é sinónimo de festa, de diversión.
É un artista comprometido co seu pobo. Desenvolve grandes proxectos sociais na favela de Candeal en Salvador de Bahía, Brasil.
Esta semana na que remata o primeiro mes do ano, xaneiro, conmemoramos o día 30 o Día da Paz e Non violencia.
Neste día celebramos o aniversario da morte de Mahatma Gandhi (India 1869-1948) líder pacifista que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pacífica frente ás inxustizas e foi asasinado por defender estas ideas.
A educación en e para a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non violencia e a paz refórzanos como persoas críticas e comprometidas cos nosos dereitos e cos de outras persoas.
Ser distintos é diversidade!
Escoitamos a canción "O mundo é grande" do grupo Mamá Cabra, canta a súa importante mensaxe.