Amosando publicacións coa etiqueta Roteiro literario. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Roteiro literario. Amosar todas as publicacións

9 de maio de 2024

Roteiro por Vigo: "Vía-Vigo"

Como actividade complementaria, despois da lectura do cómic Wolfram realizamos un roteiro cultural e literario pola cidade de Vigo da man de Borja Concheiro, guía turístico.

Visitamos diferentes lugares da cidade: os silos do cable, a estación marítima, a concatedral, a praza Compostela, a Porta do Sol, a fortaleza de San Sebastián, as rúas da zona vella...

Situamos os lugares que aparecen no libro e observamos a importancia estratéxica que converteu a Vigo nun niño de espías na primeira metade do século XX, especialmente durante a Segunda Guerra Mundial (1939-1945).

Conversamos das viaxes da espía Mata Hari a Vigo en 1916, do espía Garbo e a súa muller Araceli González Carballo, galega de Lugo, que segundo investigacións recentes, ela era a verdadeira espía que conseguiu enganar os nazis co desembarco de Normandía. Da importancia dos cónsules...

A chegada de estranxeiros tivo unha grande influencia na ría de Vigo. Trouxeron os primeiros clubes de fútbol, de tenis, de billar.  Nos exteriores do Cable Inglés había un reloxo que os vigueses empregaban coma guía para axustar os seus propios, dicindo que “levo a hora do Cable”.  Algúns ingleses e tamén alemáns, casaron e ficaron en Galicia.

Foi unha xornada fantástica!









 

 

 

 


 

14 de xuño de 2023

Club de Poesía

Para rematar este curso, os integrantes do Club de Lectura convidamos a todas as compañeiras e compañeiros de 6º a que nos acompañasen a ler poesía ao Lago Mansiño, fonte e lavadoiro situado na Cabada preto do noso centro.

Recitamos poemas de diferentes autores ao son do gurgullo da auga, alí con tranquilidade un a un fomos recitando os poemas elixidos.

Foi unha experiencia máxica!

                                             







Grazas por todo este tempo compartido arredor da lectura!


12 de xuño de 2023

Visita ás illas de San Simón e San Antón

 Os integrantes do Club de Lectura visitamos ás illas de San Simón e San Antón, na ría de Vigo, como remate á lectura de A lavandeira de San Simón, escrito por Eva Mejuto, ilustrado por Bea Gregores e publicado pola editorial Xerais.

San Simón recibiu ataques piratas, acubillou a cabaleiros templarios, a persoas que tiñan que facer cuarentena cando regresaban de América, foi campo de concentración, orfanato e hoxe debe a súa fama a un particular festival de música, o Sinsal.

Gozamos coa súa historia e as súas lendas que estimularon a nosa imaxinación.

Evocamos a historia, o ambiente e aos personaxes narrados no libro.

Foi unha mañá emocionante para todas e todos os que formamos parte do club de lectura!











Un verdadeiro pracer compartir viaxe literaria, histórica e xeográfica!


Roteiro literario con Míriam Ferradáns

O venres 26 de maio iniciamos un Roteiro Literario por Beluso da man de Míriam Ferradáns  -poeta e exalumna do noso centro- dentro do Programa Lectura e Familias.

Iniciamos o percorrido co obxectivo de ver os lugares, a paisaxe con outros ollos, doutra maneira como se fose algo novo, non rutinario, acompañados pola poesía, pola narrativa... pola LECTURA. 

Saímos do colexio cara a Casa do Pobo para observar o mural pintado na fachada por Polo Correo do Vento, onde aparece Maruja Mallo pintando O Caderno de Beluso na compaña doutros artistas Johan Carballeira, José Suárez e Federico Ribas.  

Neste lugar lemos e escoitamos poemas de Johan Carballeira, a biografía dos personaxes representados. Escoitamos as palabras de Gonzalo Torrente Ballester falando da línea de autobús entre Bueu e Cangas pola costa que describe como unha estrada moi bonita. Soubemos que Carmen Martín Gaite -autora de Caperucita en Manhattan- veraneaba nunha casa en Petís.

Continuamos ata o parque Joe Novas, onde nos sentamos nesa especie de ágora e alí recitamos a Lucía Novas, Ismael Ramos, escoitamos un conto de Bernardino Graña.

As condicións metereolóxicas adversas fixeron que abandonásemos o percorrido por mor da choiva e o vento.

Pero antes conversamos da gran actividade literaria do noso pobo, do trobador Xohán de Cangas e a capela de Sanamedio (último punto do noso roteiro). Míriam coñeceu a Darío Xohán Cabana ao lado da fonte do santo, desde ese momento é un lugar especial.

Rematamos na biblioteca dialogando sobre os beneficios de ler e escribir.


Ninguén morreu por ler poesía!

Mil grazas Míriam por acompañarnos neste roteiro!