Esta mañá, no Club de Lectura de 6º de Primaria, recibimos a visita de Arturo Sánchez Cidrás, mestre e investigador.
Conversamos arredor da historia e a xente de Bueu e Beluso durante a primeira metade do século XX.
Foi unha charla informativa e motivadora para a lectura do cómic Wolfram de Alberto Varela Ferreiro.
Para máis información visita a súa páxina web Documentación de Bueu: http://bueu.esy.es/
Nunha entrevista a Alberto Varela Ferreiro no xornal La voz de Galicia podemos ler:
Malia non participar directamente na Segunda Guerra Mundial, Galicia foi escenario de diversos episodios importantes para a contenda: o abastecemento de volframio, torres de radio e submarinos fronte as costas, a espionaxe. «Parece claro que houbo moita actividade dos servizos secretos alemáns e británicos en Galicia», explica Alberto Varela (Carballo, 1963), quen vén de recrear varias destas historias no cómic Wolfram (Xerais), que naceu inicialmente da súa fascinación polas «cicatrices» que a extracción do volframio deixou na mina de Monte Neme e que foi o camiño para abordar dende a ficción «un conflito transcendental na historia do século XX».
Alberto Varela escolle como fío condutor a unha parella de espías aliados destinados en Galicia, baseados en dous supostos axentes reais, «un tal Buchanan, directivo de The Anglo South American Bank, que estivo no Cantón Pequeno da Coruña, e Rose Marie Douglas, unha estudante inglesa ou irlandesa en Santiago». Estas figuras son a base, cos nomes cambiados, dos protagonistas do cómic, que o autor concibiu «como unha obra de ficción baseada en feitos reais». «Sendo espías aliados que chegan a territorio “inimigo”, coido que dá unha visión máis global do relato, e permite contar as cousas con certa distancia e pequenas vantaxes narrativas», explica. Unha delas é o seguimento que a espía fai de Castelao nunha viaxe por Estados Unidos a prol da causa republicana, unha vixilancia que no cómic o intelectual galeguista resolve co humor e a retranca que se lle supón. Ademais, Varela puido botar «un pouco de luz nunha situación moi escura e terrible, con moita represión e fame, como era a da posguerra civil, que eles ven desde fóra».
Wolfram achega ao xénero de aventuras un capítulo da historia de Galicia, «Hai multitude de historias pouco coñecidas nas que a banda deseñada pode xogar un papel importante como divulgadora», reflexiona o guionista e debuxante. «A pesar da poderosa competencia mediática que soporta o libro en papel, penso que hai interese polo formato, que pode ser unha magnífica iniciación á lectura e promover o interese pola cultura nas novas xeracións, ademais de ser un xénero moi divertido para todo tipo de públicos», engade. Ese elemento aventureiro queda remarcado por un certo aire ao cómic de liña clara, co que Varela tomou contacto na Barcelona dos anos 80. «Non pretendo emular a ninguén, senón procurar homenaxear o tipo de cómic que a min me divertía ler, historias de viaxe e aventuras, cun debuxo sinxelo pero preciso, de forte carácter gráfico e tintas planas, como era tamén o debuxo de cómic dos anos 30 e 40», explica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario