9 de maio de 2022

A MEMORIA DO NOSO: MUÍÑOS DE NOCEDO

 A pasada semana as nenas e os nenos de 4º, 5º e 6º de Primaria realizaron unha andaina ata os muíños de Nocedo en Bon integrando natureza, patrimonio e saúde.

Coñeceron a súa contorna natural e a súa importancia histórica. Polo camiño fomos realizando pausas polos sitios con maior interese cultural como hórreos, lavadoiros, fontes e muíños.

O regato de Nocedo, ten os seus nacementos ao longo do Monte Borrallido, acolle varios afluentes no seu camiño e desemboca na praia de Reventóns, dentro da enseada de Aldán.

Dentro das súas ribeiras destaca tamén a presenza dos seus muíños dunha relevante monumentalidade, como o de Avical ou das Ánimas, cun cubo cilíndrico e canle longa sobre piares en forma de acueduto, a singularidade da presenza de dúas figuras humanas escultóricas na fachada e varias incricións gravadas ao redor da porta da entrada. O do Cura, tamén con varias inscricións e cruciformes ao redor da porta de entrada. E o de Reventóns con canle sobre piares en forma de acueduto e coa singularidade de estar a escasa distancia da desembocadura.

Destaca a grande presenza de ameneiros, salgueiros, carballos e un denso sotobosque de loureiros, estripeiros, pereiras bravas, xilbarbeiras, sabugueiros, uvas de can e sanguiños, fentos –dentabrú, cabriña, fento do peite, fento das pedras, falso fento macho, fento femia, lingua de cervo,…

Habita unha variada e importante fauna salvaxe.

Coñece e coida o medio natural!

Agradecemos o acompañamento de Noelia, Cris e Ángeles, mamás de nenas do colexio e socias da asociación veciñal ASBEL,  para a realización desta actividade. Mil grazas!










Ningún comentario: