12 de xuño de 2023

Roteiro literario con Míriam Ferradáns

O venres 26 de maio iniciamos un Roteiro Literario por Beluso da man de Míriam Ferradáns  -poeta e exalumna do noso centro- dentro do Programa Lectura e Familias.

Iniciamos o percorrido co obxectivo de ver os lugares, a paisaxe con outros ollos, doutra maneira como se fose algo novo, non rutinario, acompañados pola poesía, pola narrativa... pola LECTURA. 

Saímos do colexio cara a Casa do Pobo para observar o mural pintado na fachada por Polo Correo do Vento, onde aparece Maruja Mallo pintando O Caderno de Beluso na compaña doutros artistas Johan Carballeira, José Suárez e Federico Ribas.  

Neste lugar lemos e escoitamos poemas de Johan Carballeira, a biografía dos personaxes representados. Escoitamos as palabras de Gonzalo Torrente Ballester falando da línea de autobús entre Bueu e Cangas pola costa que describe como unha estrada moi bonita. Soubemos que Carmen Martín Gaite -autora de Caperucita en Manhattan- veraneaba nunha casa en Petís.

Continuamos ata o parque Joe Novas, onde nos sentamos nesa especie de ágora e alí recitamos a Lucía Novas, Ismael Ramos, escoitamos un conto de Bernardino Graña.

As condicións metereolóxicas adversas fixeron que abandonásemos o percorrido por mor da choiva e o vento.

Pero antes conversamos da gran actividade literaria do noso pobo, do trobador Xohán de Cangas e a capela de Sanamedio (último punto do noso roteiro). Míriam coñeceu a Darío Xohán Cabana ao lado da fonte do santo, desde ese momento é un lugar especial.

Rematamos na biblioteca dialogando sobre os beneficios de ler e escribir.


Ninguén morreu por ler poesía!

Mil grazas Míriam por acompañarnos neste roteiro! 






Ningún comentario: