Grazas á lectura de A lavandeira de San Simón, escrita por Eva Mejuto, levamos a cabo unha xuntanza de club de lectura interxeracional entre as persoas do Taller de Memoria da Casa do Pobo e o noso club.
Recibimos a súa visita na biblioteca e conversamos arredor do libro e da vida. Dos diferentes tipos de lavadoiros, dos xogos (bonecas de trapo, as cunchas, o tutelo). Da praia de Beluso, da recollida de algas tipo correa e carrumeiro na praia da Roiba. Da illa de Ons. Dos alcumes. Da protección entre uns e outros, da axuda mutua para traballar no campo, na matanza do porco, para mallar o trigo, a herba...
Aprendemos novo vocabulario: esfanicada, artesa, trepia, bosta... Aprendemos a facer un molido para levar tinas na cabeza e non molestara.
Outra historia que nos sorprendeu foi o comercio coas zonas da montaña. De como nenos e nenas de aquí íanse con familias da montaña para poder comer e traballar na agricultura e gandería.
Escoitamos atentamente que era a roupa de mahón, que na Graña había unha costureira que cosía roupa desta tela para os presos de San Simón. Tamén que lles levaban latas de peixe en escabeche, peixe seco, queixo... toda a comida que se podía cociñar na casa.
A valoración desta xuntanza entre diferentes xeracións foi moi positiva, de 10 sobre 10.
Desexamos que se repita.
Grazas por compartir as vosa historias!
Un pracer escoitarvos!
Ningún comentario:
Publicar un comentario