15 de out. de 2023

Recreos na biblioteca!

 Volvemos a gozar dos recreos na biblioteca!

 Ler, compartir... Biblioteca, punto de encontro!








8 de out. de 2023

Minutos musicais!

Tanxugueiras é un trío de pandeireteiras galegas formado por Aida Tarrío e as irmás xemelgas Olaia e Sabela Maneiro. 

O grupo traballa con repertorio da música tradicional galega, tratando de darlle unha sonoridade máis moderna, que a aproximan ao trap ou á electrónica. 

Nas súas pezas saliéntanse temas como o entendemento entre pobos, a defensa da lingua e da cultura galegas e o apoderamento da muller.

Esta semana escoitaremos o seu tema Aire.



Premio Nacional ao Club de Lectura!

Temos a gran sorte de compartir con toda a comunidade educativa a alegría de ser un dos terceiros premios na convocatoria de clubs de lectura escolares a nivel nacional concedidos polo Ministerio de Educación e Formación Profesional no curso 2022-2023.

Énchenos de satisfacción e sentimos orgullo polo labor que as persoas que formaron e formamos parte do Equipo de Biblioteca levamos realizando desde hai moitos anos a prol da lectura.

Anímate a formar parte dos nosos clubs de lectura!

Máis información nas páxinas do blog:

Club de Lectura Os Belulectores

Club de lectura de adultos






6 de out. de 2023

Apertura musical!


 O venres 6 de outubro gozamos na apertura da biblioteca, cunha gran actuación musical de Carmen, 6º de Primaria, violín e Rodrigo, 3º de Primaria, percusión

Interpretaron tres pezas de música folk.

Parabéns por este fantástico concerto!







5 de out. de 2023

Abrimos a biblioteca!


 O venres 6 de outubro apertura da biblioteca durante a Hora de Ler!

4 de out. de 2023

Concerto didáctico da Banda de Música de Bueu

 Este mércores gozamos dun concerto didáctico a cargo da Banda de Música de Bueu.

Puidemos coñecer diferentes tipos de instrumentos musicais e a función do director coa batuta. Incluso puxemos a voz a algunhas composicións de música actual.

Foi un gran encontro xa que na banda tocan antigos alumnos do colexio!

Grazas por esta marabillosa actuación e por compartir o voso tempo con nós!





1 de out. de 2023

Minutos musicais!

 Esta semana escoitaremos, durante o tempo de entrada, unha canción de Bob Marley, titulada Three Little Birds. É un canto pola vida e a positividade. Incluída no seu disco Exodus (1977), a mensaxe é clara: "Aínda que pareza que todo se derrube, non te preocupes, todo vai ir ben"

Bob Marley é unha das figuras musicais máis importantes do século XX. 

Está considerado como un dos pais da música reggae (mestura de ritmos xamaicanos, rock, blues e soul). Coas súas cancións quería cambiar o mundo. Considerábase a si mesmo un revolucionario e a súa arma para cambiar o mundo era a música "Describimos a nosa música como un camiño á conciencia. A nosa música é revolucionaria".

Convertido en icona pop, a súa prematura morte en 1981, non fixo máis que converter en perpetua a lenda dun home que, a través da súa mensaxe, pacifista e antirracista, conseguiu coarse na conciencia de millóns de persoas.

Levántate esta mañá, sorrí co sol nacente. Tres paxariños pousados xunto á miña porta... Dicindo esta é a miña mensaxe para ti, non te preocupes por nada porque cada pequena cousa vai saír ben.

Feliz primeira semana de outubro!