30 de maio de 2021

MINUTOS MUSICAIS!!

 Rematamos o mes de maio coa canción "Milonga de aquí" da cantautora galega SÉS .Un canto á vida e á liberdade !!!

RETROUSO
"E quero bailar ao ritmo
do que vive ilusionado
E coa voz do silenciado
cantar quero con paixón.
Coa querenza e coa emoción
da que non pretende nada máis
que seguir namorada
mentres quede corazón".

                                                         BOA SEMANA!!

27 de maio de 2021

ROTEIRO 4º PRIMARIA

Roteiro a Area de Bon (27/05/2021)

Nesta solleira mañá do mes de maio, a clase de 4º agardaba expectante a chegada de Elsa, a guía do Concello, para emprender a senda prometida dende había semanas.

Equipados/as con gorras, zapatillas, mochila e ilusión, emprendemos o camiño dende o portalón do colexio, rumbo á costa. Na primeira parada, Elsa ensinounos a Casa do Pobo, onde Maruxa Mallo e os seus amigos parecían convidarnos a disfrutar da observación que poderiamos levar a cabo na praia. Polo camiño, paramos para recoñecer nos hórreos e nunha casa de pedra, os valores arquitectónicos patrimoniais do noso pobo, que pouco máis adiante serían substituídos por outros valores naturais: algúns magníficos exemplares das nosas especies autóctonas, como salgueiros centenarios, carballos frondosos e loureiros, acompañados de estralotes, xestas, chuchameles... Mágoa que tamén tivemos que constatar a  presenza de moitas especies alóctonas invasoras!

Unha vez chegamos á Area de Bon, axiña nos fixamos nas moreiras onde estamos a recoller cos nosos pais, follas para alimentar os vermes de seda que coidamos na aula. Un cartaz e as profes informábannos da fraxilidade do ecosistema dunar que conforma a parte alta da praia e que agocha diversas plantas ben adaptadas a esta contorna ventosa e árida. A conxunción praia-alumnado claramente tiña que derivar en xogos, risas e area por todas partes!!! Pero algúns quixemos poñer un gran de area máis, retirando lixo.

Tras merendar, fomos explorar as rochas, nesa zona que queda descuberta durante a baixa mar e cuberta cando sube a marea: o intermareal. Nas súas pozas condénsanse multitude de organismos agardando a ansiada volta do mar: os mexillóns pechan firmemente as súas valvas, conservando o osíxeno que precisan para sobrevivir; as fermosas Actinia fragacea, recollen os seus tentáculos coa mesma intención, tentando preservarse húmidas e vivas. Ourizos de cores alineábanse nas fendas das rochas cubertas de auga e tapizaban case completamente as anchas pozas, utilizando cunchas de mexillón e anacos de algas calcáreas para camuflarse. Algas verdes, pardas e vermellas que ofrecen refuxio, humidade e alimento a estes seres a e algún esquivo camarón ou algún pequeno lorcho sorprendíanos coas súas carreiras dun lado a outro das pozas: un diminuto lorcho parecía seguir con curiosidade o dedo de Sara cando o metía na auga. 

Sabéndonos xigantes sobre un mundo fráxil, desprazámonos con moito coidado sobre as rochas ateigadas de caramuxos, balanos, lapas... Descubrir que as fermosas "pedras" rosas que tapizaban as pozas eran en realidade algas, deixounos abraiados! Tamén vimos as fermosas Padina pavonica, unha miñoca de mar verde e o espaguete de mar (Himantalia elongata). Rematando a observación cunha posta de caracola (Nucella lapidus), uns cangrexos, os seus parentes ermitaños e unha estrelamar, voltamos ao cole sen ter deixado nunca a clase.





ERIC CARLE

O escritor de libros infantís Eric Carle (1929-2021), autor do bestseller The Very Hungry Caterpillar (A eiruga comellona), faleceu aos 91 anos.

Eric Carle escribiu máis de 70 libros, entre eles o clásico de literatura infantil The Very Hungry Caterpillar, publicado en 1969 e que conta a historia da metamorfose dunha oruga nunha bolboreta. A obra estaba na décima posición dos libros máis prestados na historia da Biblioteca Pública de Nova York nunha lista que foi publicada pola institución en 2020.
 
 "Creo que é un libro de esperanza", dixo Eric Carle nun video publicado para a celebración do 50 aniversario da obra, que explicou en varias ocasións que quería que servise aos nenos na súa transición á escola, para que se puidesen identificar como enormes bolboretas.
 
 
"Os nenos necesitan esperanza. Ti, pequena insignificante eiruga, podes converterte nunha bela bolboreta e voar polo mundo co teu talento", agregou. 
 
Eric Carle naceu en Siracusa (Nova York) en 1929, pero creceu en Alemaña, volveu a EEUU, onde desenvolveu a súa carreira como deseñador, escritor e ilustrador de libros. A pesar da súa longa lista de obras, non comezou a escribir libros infantís ata os 40 anos. 
 
Para saber máis entra na páxina web do autor: https://eric-carle.com/

 

26 de maio de 2021

Lendo instrucións de montaxe

Hoxe en 5° tiñamos unha misión: montar os bancais de aromáticas sen axuda do profesorado, seguindo unicamente as instrucións de montaxe. 

Formamos dous grupos para montar cadanseu bancal e puxémonos mans á obra. Ao principio, nun equipo parecía que non chegaban as pezas; no outro comezamos e tivemos que volver empezar porque non ía ben, tivemos que poñernos de acordo; os dous equipos decidimos clasificar as pezas (un colocando nomes ás pezas, outro ordenándoas) e así resultounos máis doado. 

Ás veces é difícil chegar a acordos, pero finalmente fomos quen de acadar a montaxe dos bancais de plantas aromáticas que atraerán máis insectos ao noso hotel de bichos. 




25 de maio de 2021

Seminario "LAS BIBLIOTECAS Y LOS OBJETIVOS DE DESARROLLO SOSTENIBLE DE LA AGENDA 2030"

Esta tarde, ás 16 horas celébrase en Madrid, un evento dentro do "Ano Iberoamericano das bibliotecas" onde a nosa Biblioteca Escolar vai a estar presente. 

Seleccionaron o noso proxecto gañador do Selo CCB como exemplo de boas prácticas para a contribución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible entre diferentes tipos de bibliotecas.

Se queres seguir o evento por streaming::https://youtu.be/RbxhaishbE0


Programa do Seminario: https://cutt.ly/0bKkzkv

http://www.culturaydeporte.gob.es/cultura/areas/bibliotecas/mc/ano-iberoamericano/seminario.html

#BibliotecasQueCreanFuturos

Visualiza o video enviado ao Seminario: 


Infografía do proxecto: 



 

24 de maio de 2021

FOTOS DO NOSO COLE!

 Andamos a busca de imaxes para CONMEMORAR os 50 anos do noso centro. Colabora: 


23 de maio de 2021

MINUTOS MUSICAIS!

Continuamos neste mes de maio, con música galega.

 Escoitaremos un poema de Rosalía de Castro  de Cantares Gallegos versionado polo grupo vigués "The Vacas" que leva por título REXURDIMENTE.

Unha canción que quere render homenaxe á escritora impulsora do Rexurdimento e a todas as mulleres!

"Nasín cando as prantas nasen,
no mes das froles nasín,
nunha alborada mainiña,
nunha alborada de abril.
Por eso me chaman Rosa,
mais a do triste sorrir,
con espiñas para todos,
sin ningunha para ti...

BOA SEMANA!!