Xa remata o curso 2020-2021, no que tivemos que sorrir cos ollos, estar distanciados e non poder dar apertas. Oxalá pronto podamos ler xuntos, compartir lecturas, que volvan as mochilas viaxeiras...
Aplaudir o esforzo e a colaboración de toda a comunidade educativa e desexarvos unhas FELICES VACACIÓNS DE VERÁN!
Unha aperta moi especial aos nenos e nenas de 6º curso que se despiden do centro e desexarlles moita sorte na súa nova andaina.
Despedimos as audicións musicais, ata a volta das vacacións, con música de VERDI e o "Brindis" de A Traviata, unha das súas máis famosas óperas.
Brindis que dedicamos a todos e todas vós: alumnado, profesorado, familias e persoal non docente por sobrevivir a un curso no que tivemos que aprender a sorrir cos ollos, a estar distanciados, a non poder abrazarnos, a non poder xogar xuntos... máis aínda así mantivemos a alegría, a ilusión e a esperanza.
Para rematar este curso tan particular e anómalo, cheo de medos, preocupacións, tristeza, máscaras, patios divididos, xel hixienizante, lavado de mans, distancia social pero tamén de xogos, alegría, sorrisos, amizade, lecturas, roteiros, hotel de bichos, zona verde... hoxe gozamos, na entrada do centro, dun CONTACONTOS moi especial cun KAMISHIBAI.
Un Kamishibai é unha forma moi popular en Xapón de contar historias. Xurdiu no século XII, nos templos budistas e renaceu na década de 1930 debido á depresión económica, xa que contaban historias na rúa e así gañaban uns cartos extra.
O alumnado de 5º de Primaria, empregando un Kamishibai narrounos a historia de "RA DE TRES OLLOS"escrito e ilustrado por Olga de Dios.
Ra de Tres Ollos medra nun lugar contaminado e quere cambiar as cousas. Pero para eso necesita axuda.
TI... a que esperas para facelo?
“Este conto está dedicado a
todas as persoas que cada día traballan para defender o noso planeta.” Desta maneira empeza este fermosísimo álbum ilustrado.
Moitas grazas nenas e nenos de 5º, sodes uns grandes contadores e contadoras de historias!
Esperámosvos como voluntarias e voluntarios para o próximo curso!
Recibimos o Diploma do Ministerio de Educación e Formación Profesional que recoñece a participación no Programa Recreos Residuos Cero 2020-2021, organizado polo colectivo Teachers For Future Spain, contribuíndo á redución de residuos e a loita contra o cambio climático.
O noso alumnado participa activamente no blog: https://montemogos.blogspot.com/ promovendo accións para concienciar sobre o coidado do medio ambiente.
Estes días de calor e final de curso estamos a gozar co concerto de PACO NOGUEIRAS e as ilustracións de MARC TAEGER do seu libro disco EXTRA! por xentileza da Editorial Kalandraka.
FOI MOI DIVERTIDO PARTICIPAR NUN CONCERTO VIRTUAL!