11 de xuño de 2024

Visita a Apípolis!

Os nenos e nenas de Infantil, estivemos investigando o mundo das abellas e da apicultura.

Empregamos diferentes fontes de información: libros, preguntando na casa, charla cun apicultor.

Fixemos unha exposición ben fermosa coa información, manualidades, utensilios, un niño de velutinas...

Visitamos a granxa Apípolis en Xeve. Entramos no apiario como profesionais apicultores, degustamos, tocamos os produtos das abellas, cociñamos riquísimas galletas con mel.

Foi unha xornada moi divertida!














10 de xuño de 2024

Premio ao Voluntariado da Biblioteca!

Unha boa noticia... estamos entre as 10 experiencias recoñecidas pola Xunta de Galicia na modalidade de Voluntariado na biblioteca escolar dos centros de Primaria, desenvolvido en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dentro do Programa de Bibliotecas Escolares Solidarias.

 Parabéns ás mozas e mozos de 6º de Primaria e as Familias que colaborastes coa biblio!

Texto da Resolución do 5 de xuño de 2024!



Grazas por compartir o voso tempo e pola alegría que poñedes nas tarefas propostas!




9 de xuño de 2024

Minutos musicais!

 Esta penúltima semana do curso escoitaremos durante os minutos de entrada ao centro, ao grupo galego Luar Na Lubre en colaboración con Diana Navarro, versionando unha canción inglesa do século XII, Romeiro ao lonxe.


No cabo do mundo, como o dito popular proclama, a San Andrés de Teixido vai de morto o que non foi de vivo. Os peregrinos comparten o camiño con animais, que son as almas dos que non puideron cumprir en vida a peregrinación, polo que non poden recibir maltrato ningún.

Os romeiros adoitaban levar unha longa camisa branca con reberetes formando ondas e nalgúns puntos do camiño depositaban pedras que ían facendo medrar milladoiros.

Arredor da ermida os veciños aínda seguen a facer os "sanandreses", fermosa artesanía de miga de pan endurecida no forno e coloreada, con imaxes do santo na súa barca de pedra.

No adro medra a herba de namorar, á que lle atribúen propiedades casamenteiras.

Na canción peregrina o corvo mariño, o mascato e o lagarto das silvas -vistoso exemplar con cabeza de intensa cor azul-, neste espazo que desperta as ansias de amor e paz e a irmandade entre vivos, mortos, animais, plantas e augas. Romeiro hei de ir lonxe ao San Andrés con herbiñas de namorar, dareille a quen alén mar está o aloumiño do meu amor. Hei de vestir a camisa de liño que ela teceo para min con herbiñas de namorar; anda o lagarto azul e souril a acaroar mapoulas bermellas, nacidas de fusís, co aloumiño do meu amor, alleo á guerra e ao seu tambor. Morto ou vivo hei volver á terra que ela andou canda min con herbiñas de namorar; chouta o mascato polo cantil a vela-lo adro familiar, ala lonxe, na fin, co aloumiño do meu amor. Cabo do mundo, ó pé dun aguillón doeme a guerra ruín entre herbiñas de namorar; corvo mariño voa xentil o amilladoiro a levantar e pan santo a colorir co aloumiño do meu amor. Romeiro hei de ir lonxe ao San Andrés con herbiñas de namorar, dareille a quen alén mar está o aloumiño do meu amor.

Feliz semana!

7 de xuño de 2024

Roteiro a Nocedo

 Os rapaces e rapazas de 4º e 5º de Primaria participaron nun roteiro deportivo e cultural por diferentes lugares de Beluso.

Pasaron por Vilar, Bon de Abaixo, Nocedo, Sanamedio, Caberteña, Ouril e parque Joe Novas.

Grazas á asociación ASBEL, concretamente a Pepe O Cachiso, a Ángeles y a Noelia por acompañarnos e polas súas explicacións.








4 de xuño de 2024

Investigamos As abellas

 Aurelio, o avó de Martina de Infantil, visitounos para transmitirnos información sobre o mundo das abellas. Falamos de onde viven, cómo viven, o que comen, cómo se comunican, tipos de abellas, todos os produtos que elaboran... 

Aurelio é apicultor. Tróuxonos o seu traxe e unha pequena colmea.

Moitas grazas por compartir o teu saber! Esperámoste pronto de novo!





2 de xuño de 2024

Minutos musicais!

 Esta semana celebramos datas moi importantes para concienciarnos sobre o coidado do planeta, o luns 3, día da bicicleta; o mércores 5, día internacional do medio ambiente e o sábado 8, día internacional dos océanos.  

O grupo Luar na Lubre, son toda unha referencia dentro do folk español e internacional. A fama do grupo disparouse cando o músico británico Mike Oldfield quedou encantado coa súa música incorporando ao seu disco Voyager unha das súas cancións; O son do ar.

Esta semana escoitaremos a Mike Oldfield, The song of the sun.

Feliz semana!




Alfombras florais en Bueu

 A ANPA Cabo Udra animou ás familias, nenos, nenas a confeccionar dúas preciosas alfombras florais en Bueu pola festividade do Corpus 2024.

Unha é a representación floral do cadro de Davila, Bailadores, e outra un xogo.

Correde a ver estas marabillosas mostras de arte efímero en fronte da librería Miranda!

Davila diante da representación floral do seu cadro












Parabéns por este traballo colaborativo tan bonito!