22 de xul. de 2021

A VISITA DE ELVIA!


Ás veces teñen lugar encontros casuais. Acontecía en abril cando, tras unha idea espontánea, un destes encontros tomaba forma: Elvia, a pequena rastreadora, coñecida a través dos seus vídeos didácticos, dos libros que protagonizaba e mesmo localizada nunha das revistas de aula, coñecía por fin dende o outro lado da pantalla aos nenos e nenas que a seguían a centos de quilómetros de distancia.


Agardado con ansia o día programado, dezasete nenos e nenas de 4º de Primaria contaban nerviosos o tempo que faltaba para dar comezo a videoconferencia, facendo que ese día nin o recreo gozase de importancia: era o Día de Elvia!


Tralas presentacións a ambos lados das pantallas, deu comezo unha clase excepcional levada con pasmosa maestría pola pequena intérprete de rastros; na aula de 4º, as preguntas e comentarios xurdían coa naturalidade propia que preside unha xuntanza entre almas que comparten o mesmo respecto e amor pola natureza


Con Elvia desvelaron algúns dos misteriosos rastros que deixan as aves tras de si: as egagrópilas. Axudada dos seus pais, expertos rastreadores ambos, Elvia conseguía que transcurrise o tempo nun suspiro e que a cada instante, a sorpresa e a admiración na aula de 4º acadase cotas maiores. Nunhas fugaces dúas horas, a aprendizaxe traspasou a barreira da distancia, debuxando caras de asombro e provocando moreas de preguntas sobre os rastros e as pegadas dos seres vivos na natureza.


Pero foi Elvia, sen dúbida, a que deixou a pegada máis fonda: descubrir que unha nena coma eles podía ser quen de explicar con admirable profesionalidade os segredos da natureza, sementou nos nenos e nenas de 4º a seguridade de saberse importantes e capaces.


Case tres meses despois desta cita que selaba unha xa perdurable amizade, Elvia achegábase dende Navarra a Beluso, a coñecer o colexio que admiraba e que a admiraba: a directora, o secretario, a titora de 4º e a responsable da biblioteca escolar recibían con esmerado agarimo á familia de rastreadores. 


Pechado xa o curso escolar e baleiras as aulas, quiso non obstante o azar aderezar esta breve visita coa inesperada presenza de tres nenas da aula. Águeda, Cris e Uma coñecían en persoa a Elvia e deste breve encontro xurdía unha promesa prendida no tempo: procurar o reencontro en persoa de Elvia con toda a clase que xa estará daquela en 5º de primaria.


Se os desexos se transforman en realidade, Elvia e os amigos e amigas que a agardan en Montemogos, xuntarán as súas pegadas nun novo camiño por percorrer.


GRAZAS SOFÍA POR DARNOS A COÑECER A ESTA FANTÁSTICA FAMILIA!!!


https://m.facebook.com/1411329335747884/photos/a.1411331479081003/2902655986615204/?type=3&anchor_composer=false









1 comentario:

Sofía dixo...

Grazas ao fantástico equipo docente do CEIP Montemogos polo seu empeño en levar a cabo iniciativas que melloren a calidade educativa e a experiencia escolar dos nenos e nenas.Foi un auténtico privilexio compartir o labor docente neste centro e contaxiarse da súa vibrante enerxía motivadora e participativa.