19 de xul. de 2021

HÓSPEDE NO HOTEL DE BICHOS!

Este verán tivemos a gran sorte de contar cunha visitante no noso hotel de bichos, nada máis e nada menos que unha VACALOURA!

vacaloura, tamén chamada escornabois (Lucanus cervus) é un insecto, un dos escaravellos de maior tamaño de Europa. Pertence á Familia Lucanidae, que na Península Ibérica consta de 9 especies. En Galicia temos 5, onde esta especie é a máis espectacular.

As vacalouras macho válense das súas mandíbulas para loitar entre elas na procura das femias. As femias, pola súa banda, teñen unhas mandíbulas moito máis curtas, polo que é sinxelo diferenciar esta especie en canto ao sexo.

Nos ecosistemas galegos, a vacaloura xoga un papel moi importante para contribuír ao enriquecemento do solo dos bosques e á rexeneración e formación do humus, tanto por medio da súa alimentación como grazas aos seus detritos. 
Aliméntase de madeira descomposta de grandes árbores caducifolias (sobre todo carballos e castiñeiros) e serve de alimento a especies como as aves nocturnas, os petos carpinteiros, ourizos, teixugos ou raposos.

Coidemos a Natureza!







Que preciosidade!


1 comentario:

Sofía dixo...

Que fermoso presaxio!