12 de xuño de 2023

Roteiro literario con Míriam Ferradáns

O venres 26 de maio iniciamos un Roteiro Literario por Beluso da man de Míriam Ferradáns  -poeta e exalumna do noso centro- dentro do Programa Lectura e Familias.

Iniciamos o percorrido co obxectivo de ver os lugares, a paisaxe con outros ollos, doutra maneira como se fose algo novo, non rutinario, acompañados pola poesía, pola narrativa... pola LECTURA. 

Saímos do colexio cara a Casa do Pobo para observar o mural pintado na fachada por Polo Correo do Vento, onde aparece Maruja Mallo pintando O Caderno de Beluso na compaña doutros artistas Johan Carballeira, José Suárez e Federico Ribas.  

Neste lugar lemos e escoitamos poemas de Johan Carballeira, a biografía dos personaxes representados. Escoitamos as palabras de Gonzalo Torrente Ballester falando da línea de autobús entre Bueu e Cangas pola costa que describe como unha estrada moi bonita. Soubemos que Carmen Martín Gaite -autora de Caperucita en Manhattan- veraneaba nunha casa en Petís.

Continuamos ata o parque Joe Novas, onde nos sentamos nesa especie de ágora e alí recitamos a Lucía Novas, Ismael Ramos, escoitamos un conto de Bernardino Graña.

As condicións metereolóxicas adversas fixeron que abandonásemos o percorrido por mor da choiva e o vento.

Pero antes conversamos da gran actividade literaria do noso pobo, do trobador Xohán de Cangas e a capela de Sanamedio (último punto do noso roteiro). Míriam coñeceu a Darío Xohán Cabana ao lado da fonte do santo, desde ese momento é un lugar especial.

Rematamos na biblioteca dialogando sobre os beneficios de ler e escribir.


Ninguén morreu por ler poesía!

Mil grazas Míriam por acompañarnos neste roteiro! 






11 de xuño de 2023

Arte efímero, alfombras Bueu 2023!

 Este fin de semana as rúas de Bueu engalanáronse de tapices elaborados de flores, cunchas, restos vexetais para celebrar a Festa das Alfombras,  O Corpus de Bueu, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. 

A ANPA Cabo Udra participou elaborando unha vistosa alfombra.

Parabéns por este fermoso traballo artístico!



Premio por ser unha Biblioteca Escolar Solidaria!

Estamos de noraboa, por cuarto ano, a Xunta de Galicia vén de recoñecer o traballo do alumnado voluntario  co selo de Biblioteca Escolar Solidaria, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que ten como obxectivo premiar aquelas bibliotecas que traballan de forma salientable a compensación de desigualdades e fomentan o voluntariado cultural entre a comunidade escolar.

Os centros galardoados son os colexios CEIP Plurilingüe Montemogos (Bueu) e CEIP O Cantel (Foz), a Escola de Educación Infantil EEI San Roque (Viveiro), o Centro Integrado de FP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense) e o Instituto IES Valadares (Vigo).

Parabéns a toda a comunidade pola súa implicación coas actividades propostas!




Minutos musicais!

Esta semana escoitaremos ao músico e compositor moañés José Martín Entenza Sley e o seu disco Din que Ons.

A carreira musical de Sley comezou nos anos 70, co mítico grupo "Pona", que integraba con Albino, Eulogio, Rosendo, Rogelio e Souto. O grupo converteuse entón nun referente do rock galego. Desde entón, Sley formou parte doutros grupos como Vos Raidos, Emerson Pitt e Phaldy e Sley&The Mencia´s. Ademais, tamén se labrou unha carreira como músico en solitario publicando dous discos: "Din que Ons" e "Din que Nós"


 Feliz semana! Xa queda moi pouquiño para as vacacións de verán!

10 de xuño de 2023

Teatro: O tesouro de Carmiña

 O grupo de Teatro de actividades extraescolares representou -con moita arte- a obra O tesouro de Carmiña. Unha historia apta só para valentes.

Parabéns pola fantástica dramatización!



8 de xuño de 2023

Hoxe conta... Andrea e Arturo

 Durante a Hora de Ler gozamos dun magnífico contacontos da man de Andrea e Arturo. Leron e representaron un conto da súa colección favorita.

Decoraron a biblioteca e minuciosamente prepararon unha fantástica posta en escena.





Grazas por compartir lecturas  con nós!

Parabéns!


7 de xuño de 2023

Encontro literario con María Canosa

As nenas e nenos de 3º e 4º de Primaria recibiron a visita dunha autora moi querida na nosa biblioteca María Canosa, por xentileza da editorial Xerais. 

Durante a Hora de Ler, lemos e comentamos diferentes obras: O día que choveu do revés, A cazadora de estrelas, O ladrón de voces, Unha fábrica de bicos, As pombas de Bastián, Acuario.

Gústanos moito as súas historias e poemas.

Un pracer gozar da súa presenza!