3 de dec. de 2021

EL NATURALISTA COJO, capacidades diferentes


Nesta semana en que conmemoramos o Día da diversidade funcional, os nenos e nenas de 2º de primaria abrimos a ventana máxica de internet para coñecer a unha persoa excepcional que nos deixou completamente abraiados: Manu Sobrino, El Naturalista Cojo.

Antes de coñecelo, e logo de averiguar que un naturalista é unha persoa que ama e estuda a natureza, a profe fíxonos a seguinte pregunta: 

-"Se un naturalista ten que ir polo monte, polas beiras dos ríos, achegarse a unha marisma... Será quen de facelo se ten que desprazarse en cadeira de rodas?" 

Naturalmente, todos e todas respondemos axiña con un sonoro:

- "Nooooon!!! É imposible!!"

Claro: hai pedras, costas, obstáculos no camiño... 

Se aínda é difícil ás veces para nós camiñar por eses lugares, como poderiamos facelo con cadeira de rodas? 

O que non sabiamos nese momento é que era Manu quen nos ía dar a verdadeira resposta a esta pregunta... E deixounos sen palabras!

As fermosas imaxes obtidas tras horas e horas de observación deste incansable naturalista en diversas paraxes naturais marabillábannos. 

Ante os nosos ollos desfilaban fermosísimos instantes da vida salvaxe: un corvo mariño soleando a súa plumaxe trala pesca diaria, a pequena píllara das dunas que protexe ás crías finxindo estar ferida para desviar a atención dos depredadores, a impresionante aguia pescadora, o picapeixe, os impresionantes lagartos arnais, o pícaro raposo ou a acrobática lontra facían saír exclamacións de admiración en todos nós. 

Pero o que máis nos abraiou foi a forza de Manu: non só a forza dos seus fortes brazos, entrenados día a día para superar baches, pedras e polas caídas nas sendas que percorre, senón a forza da súa vontade.

El sempre di: "La vida te pone obstáculos; los límites los pones tú". E nestes vídeos descubrimos a súa fortaleza persoal, o seu constante espírito de superación, e tamén a arma secreta que a todos e todas nos dá un inmenso poder: a solidariedade! Porque vendo a Manu percorrer a ruta dos muíños do Folón e do Picón, nun primeiro experimento de ruta inclusiva, puidemos comprobar como coa axuda dos demais non hai barreiras nin obstáculos posibles. 

Grazas, Manu, por ensinarnos tantas cousas!



Escribindo cartas a  Manu:




1 comentario:

A.leis dixo...

Hola a todos,
Moita forza a Manu,
"Naturalista coxo moiii guaaii"
E uotro saúdo a profe!!!