22 de abr. de 2023

Encontro intercentros con Iria Misa!

 O venres o alumnado de 6º de Primaria do CEIP P. A Torre-Cela e do CEIP P. Montemogos mantivemos un encontro coa autora Iria Misa, por xentileza da editorial Xerais, na Sala Amalia Domínguez Búa en Bueu.

Durante o 2º trimestre lemos no Club de Lectura o libro "Mamá quero ser Ziggy Stardust" e como actividade final tivemos esta xuntanza. 

Conversamos con Iria Misa arredor do proceso creador da novela, da figura e da música de David Bowie, dos amigos imaxinarios, de Aine e do seu amigo Thomas que lle axuda a facer o tránsito social de xénero. 

Destacamos a importancia das ilustracións feitas por Alba Barreiro.

Foi unha xornada de convivencia moi positiva.

Esta xuntanza forma parte das actividades de tránsito do alumnado de Primaria á ESO, organizada en colaboración co Departamento de Orientación, xa que os dous centros estamos adscritos ao IES Illa de Ons.

Grazas ao Concello por facilitar este encontro!

Grazas a Iria por compartir con nós o seu tempo arredor da lectura!



 

21 de abr. de 2023

Tarde de lectura e xogos!

 Familias, co gallo do Día do Libro, estades convidadas o luns 24 de abril a gozar dunha tarde de xogos e lectura na biblioteca de 16,00h a 17,30 h!

Esperámosvos!



20 de abr. de 2023

Creamos con... Carmen García García

 Carmen García, xornalista, promotora de Xornal de Bueu, primeiro gran xornal dixital en galego de Bueu e a súa contorna impartiu un obradoiro de xornalismo para 4º, 5º e 6º de Primaria na nosa biblioteca.

Nunha primeira parte contounos que é o xornalismo, as funcións dos membros dunha redacción, as diferenzas entre prensa escrita e dixital, cales son os xéneros xornalísticos, as seccións, a xerarquización de contidos, as partes dunha noticia...

A continuación, creamos, deseñamos un xornal, agrupados en pequenas redaccións, cada quen coa súa función. Deseñamos a portada, escribimos as noticias con ilustracións, practicamos a entrevista entre nós...

Foi unha gran experiencia potenciando a creación escrita e o traballo en equipo.

Grazas Carmen por acompañarnos neste día especial na actividade Creamos con...












19 de abr. de 2023

As Familias Contan... Xián e Tiago!

Durante os meses de abril, Mes dos Libros, e maio, Mes da Lingua, a nosa biblioteca convértese nun fervedoiro de actividades na que as familias participan activamente narrando historias, recitando, dramatizando...

Este mércores, Ramona, a avoa de Xián de 5º de Infantil e de Tiago de 4º de Infantil, achegouse para lernos dous fermosos contos:




 Grazas por compartir tempo e lecturas!

Esperámosvos! 

Anímate a participar!

Teatro "Ti podes cambiar o mundo"

Durante a Hora de Ler Iria López, Saínza, Daniela, Rami e Sofía representaron para Infantil, 1º,2º e 3º de Primaria unha obra de teatro escrita e dramatizada por elas mesmas.

O seu título "Ti podes cambiar o Mundo" xa nos avanza que debemos coidar o medio ambiente concienciándonos para non tirar basura nin no monte, nin na praia, nin nos espazos públicos e que debemos reciclar, reutilizar e reducir.

Os entreactos e cambios de escena estiveron amenizados con música e baile.

Rematamos xogando co bee-bot para separar ben a basura e bailando... porque nos gusta moitísimo!

Parabéns por esta marabillosa obra de teatro! Sodes unhas grandes guionistas e tamén actrices!







Grazas por representar para nós!

Obradoiro con Charo Pita

Durante a tarde do martes 18 de abril gozamos dun obradoiro con Charo Pita, dentro do Programa Lectura e Familias. 

A partir da súa experiencia en lectura expresiva e narración  oral, conversamos arredor de libros, da importancia de contar historias por pracer, da capacidade da imaxinación, de "ver" a secuencia do conto na nosa cabeza. De potenciar, de activar a capacidade de escoita. De que os contos son casas de palabras.

Puxemos en práctica técnicas narrativas. 

Foi un obradoiro moi divertido e participativo, onde tiveron cabida as historias, a tradición oral e a música. Indudablemente fomos  protagonistas dunha fermosa historia da man de Charo Pita.

Mil grazas por compartir e facernos partícipes das túas técnicas e coñecementos!



 

18 de abr. de 2023

Semana do libro 2023

 Abril, mes dos libros!

O 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro.

A orixe desta celebración remóntase a principios do século XX.

O 23 de abril de 1616 faleceron Miguel de Cervantes, Shakespeare e Garcilaso de la Vega, e noutros 23 de abril tamén naceron ou morreron outros escritores eminentes da literatura universal. Por ese motivo a UNESCO decidiu homenaxear aos libros e aos seus autores e autoras nesta data simbólica e poñer en valor a lectura como motor de progreso social e cultural das persoas e dos pobos.

Para festexalo realizaremos diversas actividades:

  • As Familias Contan
  • Club de Lectura intercentros
  • Acompañamentos lectores e teatro durante a Hora de Ler 
  • As Belutecas, maletas con libros saen ao patio
  • Expositores de libros diferentes, de imaxes, tacto, realidade aumentada...

Anímate e ven pola biblioteca!