27 de maio de 2021

ROTEIRO 4º PRIMARIA

Roteiro a Area de Bon (27/05/2021)

Nesta solleira mañá do mes de maio, a clase de 4º agardaba expectante a chegada de Elsa, a guía do Concello, para emprender a senda prometida dende había semanas.

Equipados/as con gorras, zapatillas, mochila e ilusión, emprendemos o camiño dende o portalón do colexio, rumbo á costa. Na primeira parada, Elsa ensinounos a Casa do Pobo, onde Maruxa Mallo e os seus amigos parecían convidarnos a disfrutar da observación que poderiamos levar a cabo na praia. Polo camiño, paramos para recoñecer nos hórreos e nunha casa de pedra, os valores arquitectónicos patrimoniais do noso pobo, que pouco máis adiante serían substituídos por outros valores naturais: algúns magníficos exemplares das nosas especies autóctonas, como salgueiros centenarios, carballos frondosos e loureiros, acompañados de estralotes, xestas, chuchameles... Mágoa que tamén tivemos que constatar a  presenza de moitas especies alóctonas invasoras!

Unha vez chegamos á Area de Bon, axiña nos fixamos nas moreiras onde estamos a recoller cos nosos pais, follas para alimentar os vermes de seda que coidamos na aula. Un cartaz e as profes informábannos da fraxilidade do ecosistema dunar que conforma a parte alta da praia e que agocha diversas plantas ben adaptadas a esta contorna ventosa e árida. A conxunción praia-alumnado claramente tiña que derivar en xogos, risas e area por todas partes!!! Pero algúns quixemos poñer un gran de area máis, retirando lixo.

Tras merendar, fomos explorar as rochas, nesa zona que queda descuberta durante a baixa mar e cuberta cando sube a marea: o intermareal. Nas súas pozas condénsanse multitude de organismos agardando a ansiada volta do mar: os mexillóns pechan firmemente as súas valvas, conservando o osíxeno que precisan para sobrevivir; as fermosas Actinia fragacea, recollen os seus tentáculos coa mesma intención, tentando preservarse húmidas e vivas. Ourizos de cores alineábanse nas fendas das rochas cubertas de auga e tapizaban case completamente as anchas pozas, utilizando cunchas de mexillón e anacos de algas calcáreas para camuflarse. Algas verdes, pardas e vermellas que ofrecen refuxio, humidade e alimento a estes seres a e algún esquivo camarón ou algún pequeno lorcho sorprendíanos coas súas carreiras dun lado a outro das pozas: un diminuto lorcho parecía seguir con curiosidade o dedo de Sara cando o metía na auga. 

Sabéndonos xigantes sobre un mundo fráxil, desprazámonos con moito coidado sobre as rochas ateigadas de caramuxos, balanos, lapas... Descubrir que as fermosas "pedras" rosas que tapizaban as pozas eran en realidade algas, deixounos abraiados! Tamén vimos as fermosas Padina pavonica, unha miñoca de mar verde e o espaguete de mar (Himantalia elongata). Rematando a observación cunha posta de caracola (Nucella lapidus), uns cangrexos, os seus parentes ermitaños e unha estrelamar, voltamos ao cole sen ter deixado nunca a clase.





3 comentarios:

CEIP Plurilingüe Montemogos dixo...

A aula de 4º de primaria dicimos: "Foi unha experiencia moi chula!" (Manu), "Divertímonos moito!" (Raúl), "que aventura máis chula!" (Nicole); "podemos repetir?" (Nahia); "aprendemos moitas cousas" (Manu); "descubrimos animais novos, como o tomate de mar"(Karolina).

Vanessa dixo...

Grazas, Sofía, polo teu labor, máis alá das catro paredes da aula. Transmites moitísimo, non só ao teu alumnado.

A.leis dixo...

Inmensa Sofía
Una Crack
Besos