20 de maio de 2024

Sesión de Contacontos con Boniface Ofogo!



FAMILIAS, AMIGOS E AMIGAS... Este xoves 23 de maio, ás 17,00 h estades todas e todos convidados a unha sesión de contacontos con Boniface Ofogo.

Boniface Ofogo procede dunha aldea do interior de Camerún. Estudou Filoloxía Hispánica. Foi mediador intercultural no Concello de Madrid e, dende 2005, dedícase a percorrer escolas, bibliotecas e centros sociais relatando historias. 

É especialista en fábulas, lendas, mitos e tradicións da África negra. Ten actuado por toda España (Maratón de Contos de Guadalaxara, Fórum das Culturas de Barcelona, Festivais de oralidade de Xaca e Elxe) e numerosos países: Francia, México, Cuba, Brasil, Costa Rica, Colombia, Arxentina, Cabo Verde, Marrocos… 

«O león Kandinga», «A paso de tartaruga», «O elefante que perdeu o seu ollo» son preciosos álbums ilustrados editados por Kalandraka, deste narrador camerunés. Trátase de contos tradicionais africanos que veñen transmitíndose de xeración en xeración dende tempo inmemorial.  Tamén é autor da novela «El imperio de los cautivos», primeira parte dunha triloxía que critica a figura da chamada FrançAfrique e a pervivencia dos grandes imperios. 

Nunha entrevista Boniface Ofogo fai esta declaración a favor da PALABRA: 

"A árbore da palabra existe en moitos lugares de África. É aquela baixo a que se sentan as persoas non soamente a contar historias, se non a resolver os conflitos da comunidade. A cultura da palabra vai máis alá da tradición oral. É unha filosofía de vida, forma parte da esencia dos pobos."

ESPERÁMOSVOS!


Ningún comentario: